O Presidente concretou este compromiso en “feitos”: Dende hai sete anos “levamos alcanzando acordos amplamente maioritarios cos representantes sindicais dos traballadores nun ambiente de bo entendemento e esforzo conxunto; hai tan só uns días avanzamos que os empregados públicos desta institución recuperarán coa nómina de xullo a parte proporcional da paga extra de Nadal de 2012 que o Goberno central lles arrebatou; este ano dispoñemos dun investimento de preto de 13 millóns de euros para desenvolver plans de emprego, e somos a primeira Deputación de España e a primeira administración pública de Galicia que impón cláusulas sociais para blindar os dereitos dos traballadores das contratas de servizos”.
Nesta defensa dos dereitos laborais, Gómez Besteiro reivindicou “o papel que xogan os sindicatos. Son tempos moi difíciles para unhas organizacións que, precisamente, son indispensables para garantir o Estado do Benestar, un emprego de calidade, a estabilidade laboral, a igualdade de oportunidades, a eliminación da fenda salarial entre homes e mullerse ou o sistema de pensións”.
“Fronte a iniciativas como a reforma laboral, que ademais de atentar contra os dereitos da clase traballadora, busca debilitar e agraviar ós sindicatos, é preciso reivindicar o seu protagonismo indispensable, recoñecido na propia Constitución, na negociación colectiva e no diálogo social. Os sindicatos son necesarios para a sociedade e en tempos de crise, máis aínda”, sinalou o Presidente.