Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acollerá a Copa España de fútbol sala feminino entre o 7 e o 8 de xuño

Burela, 5 de maio de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, destaca a importancia que ten para Burela a celebración na vila da Copa España de fútbol sala feminino, prevista para os días 7 e 8 de xuño.

O rexedor dixo “para o Concello é enormemente significativo que a Federación teña elixido a Burela como sede da Copa España de fútbol sala feminino, que se celebrará os días 7 e 8 de xuño. Deste xeito se recoñece publicamente o labor feito, non só polo Burela FS en sí mesmo senón basicamente polo traballo feito pola plantilla feminina durante a tempada pasada e durante a presente”. González Barcia lembrou que “na tempada 2012/2013 o Burela FS feminino foi campión de liga e campión de España e nesta tempada pelexa co Atlético de Madrid Navalcarnero polo título de liga”.

O alcalde burelés subliñou que “para o Concello é unha enorme satisfacción que a Federación teña elixido unha vez máis a Burela para que sexa sede dun evento deportivo de semellante categoría, que traerá á nosa vila aos catro mellores equipos da liga de fútbol a nivel nacional, e entre eles estarán as nosas representantes”.

González Barcia dixo que “estou completamente seguro que o Concello e o pobo de Burela saberá acoller e recibir con brazos abertos este evento deportivo que, unha vez máis e grazas ao fútbol sala feminino, sitúa a Burela como epicentro do mundo do deporte nacional. Desde o Concello colaboraremos con todo o que nosoutros poidamos co Burela FS para que a organización sexa exquisita e que todo discorra como todos queremos. Somos plenamente conscientes de que non só a nivel deportivo este evento é importante, senón que tamén o é como promoción turística da nosa vila, do noso concello”.

Baloncesto
O rexedor tamén tivo palabras de recoñecemento para as xogadoras do Burela Pescados Rubén, de baloncesto feminino, que acaba de proclamarse campión da segunda división autonómica. José Mª González Barcia recoñece e agradece “o esforzo e o traballo que se fixo e que se está a facer desde o Club Baloncesto Burela, felicitamos ao Club e ás xogadoras polo éxito acadado e seguiremos a colaborar con elas na medida das nosas posibilidades, tal e como viñemos facendo ata o de agora”.

Exit mobile version