Cos Billardeiros Musicais xa proclamados campións por equipos, quedaba saber se os primeiros clasificados en individuais, que dependían de si mesmos, eran quen de aguantar a presión e manter alonxados os seus rivais. A tarde nembargantes non lles foi propicia a ningún deles e tanto Daniel como Geni deixaron, moi o seu pesar, os primeiros postos aos seus compañeiros de equipo Juan e Reyes, respectivamente, que tiveron mellor día e non deixaron pasar a oportunidade de se converter en gañadores da tempada.
En varados pola contra, Santi sí se portou e desmostrou ser o mellor en tiros directos cerrando a tarde con dous novos varados que conseguiu na soleada pista de Remourelle.
Antes de comezar a xornada deportiva, a sede oficial da LNB NorLeste, “A Taberna de Lola” foi paseniñamente enchéndose de xente preparada para o xantar de irmandade que cerraba a tempada. Como ben decía Juan Pico, un dos precursores que axudou a prendela mecha do explosivo xogo-deporte da billarda, “para darlle o garabullo antes hai que enchelo bandullo” e este segue a ser o mandamento primeiro de todo billardeiro que se precie.
Así pois ben comidos, mellor bebidos e cos ánimos dispostos dirixímonos á pista de xogo para disfrutar da derradeira xornada da liga regular.
Perto de medio cento de xogadores dos once equipos en liza se dispuxeron á loita acompañados polo campión galego de ciclismo Rubén Sánchez, que logo de facer o saque de honra nunha das finais xogadas en Conxo, quedou prendido da billarda e non quixo perdela oportunidade de xunguirse á serpe multicolor da LNB e demostrou na pista que tampouco é manco co palán na man, gañándolle sendas carreiras ó intermitente Adrián e máis ó showman Rodrigo.
No deportivo, destacar as boas actuación de Franco, Juan e Coedo (Billardeiros Musicais) e de Pepe Vidal (O Cadaval), que acadaron pleno. Do desempate entre eles saíron os seguintes postos: 1º Juan, 2º Franco, 3º Pepe Vidal.
Os dez puntos de Juan permitíronlle por riba de gañar o Aberto do Coello, proclamarse campión individual da tempada cun punto por riba dos seus compañeiros de equipo Coedo e Daniel. En donas, Reyes desbancou a Geni do primeiro posto conseguindo o mesmo número de puntos ca ela e gañarlle no posterior desempate.
O Coello e máis unha artística figuriña artesanal feita por Muriego (El Viejo Pescador), foron os agasallos para o gañador do aberto. Segundo e terceiro clasificados levaron sendas ducias de ovos da granxa de Suso e un tarro de bonito de El Viejo Pescador.
Como fin de festa de novo na Taberna de Lola, uns viños e os tradicionais torreznos presidiron a entrega de premios ós campións da tempada. Trofeos xestionados polo concelleiro de deportes, Vicente Castro, que personalmente fixo a entrega os gañadores e dirixiu unhas calurosas verbas de ánimo para continuar adiante con este proxecto de recuperación dos xogos tradicionais.
A interpretación do himno da billarda puxo punto final ó acto.
Clasificacións finais:
Campión absoluto da tempada. JUAN (Billardeiros Musicais)
Campiona de donas: REYES (Billardeiros Musicais)
Campión de varados: SANTI (Carabullo de Teixo)
Campión equipos: BILLARDEIROS MUSICAIS, de Ribadeo.
O vindeiro 25 de maio voltaremos as pistas deportivas de Conxo (Santiago de Compostela) para disputar as finais nacionais cos campións das outras conferencias (Andaluza, Centro, NorOeste, Rías Baixas e Sur).