Site icon Crónica3.com A Mariña

Lourenzá acolle a primeira etapa da VII Volta Ciclista ás comarcas de Lugo

Lugo, 28 de maio de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, presentou este mércores a VII Volta Ciclista ás comarcas de Lugo, que organiza da Deputación en colaboración co Club Ciclista Cidade de Lugo. Esta cita co ciclismo celebrarase esta fin de semana, en tres etapas, e contará coa participación de 15 equipos procedentes de distintos puntos do Estado.

O venres, día 30, disputarase a primeira das etapas, a da comarca da Mariña, con saída e chegada en Lourenzá. Comezará ás 14.00 horas e terá un percorrido de 138,7 quilómetros, con metas voantes en Alfoz e Barreiros e sprints especiais en San Cibrao e Ribadeo.

O sábado, día 31, terá lugar a segunda etapa, que se desenvolve na comarca de Lugo, con saída e chegada na capital. Comezará ás 10.20 horas, e terá un percorrido de 142,2 quilómetros, con metas voantes en Castro de Ribeiras de Lea e Outeiro de Rei, e con sprints especiais en Rábade e Begonte.

O domingo, 1 de xuño, a partir das 10.15 horas, disputarase a terceira e última etapa, na comarca sur, con saída e chegada en Pobra de Prollón e con 140 quilómetros de traxecto. Neste caso as metas voantes serán en Quiroga, Seoane do Caurel e O Incio; e os sprints especiais en Folgoso do Caurel e Triacastela.

Dos 15 equipos participantes, sete son galegos: o Supermercados Froiz, o Cambre-Renautl Caeiro, o Rías Baixas, o Spol-Porriño, o Vigués-Autronic, o Padronés-Aluminios Cortizo, e o Lola-Lola Gomistar. Completan o pelotón o Mutua Levante-Delikia, o Atika-Safirfruits e o Gsport-Valencia Terra i Mar, da Comunidade Valenciana; o Construcciones Paulino-Oviedo e o Ciudad Oviedo-Tartiere Auto, de Asturias; o Gomur-Cantabria Deporte, o Keith-Mobel Murcia, e o Control Pack, este último de Cataluña.

Durante a súa intervención, Antonio Veiga afirmou que “estamos ante unha proba que totalmente asentada no panorama nacional do ciclismo e cada vez con máis peso no conxunto de probas do Estado español, nunha época na que competicións deste tipo están claramente en recesión debido ao mal momento económico que atravesa o deporte en xeral e o ciclismo en particular”.

Así mesmo, o vicepresidente da Deputación fixo fincapé en que “un dos obxectivos da área de Deportes desta entidade é o de fomentar a práctica do deporte, sexa cal sexa a súa disciplina, en todas e cada unha das comarcas lucenses. Por iso seguimos traballando para descentralizar a práctica e a organización de determinados eventos deportivos, un feito que suporá un forte impulso socioeconómico para as zonas nas se poñan en marcha este tipo de iniciativas”.

Exit mobile version