Site icon Crónica3.com A Mariña

Mario Outeiro recorda que os montes en mancomún “seguen a ter futuro e poden ser unha ferramenta para o desenvolvemento do país”

Lugo, 10 de maio de 2014. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, participou na clausura do V Congreso Galego de Comunidades de Montes, que se celebrou, esta fin de semana, no salón de actos do Pazo de San Marcos, e que se organiza coa colaboración da institución provincial.

Nesta edición do congreso, no que se deron cabida veciñas e veciños procedentes de toda Galiza, analizouse, xunto con expertos na materia, a situación actual pola que están a pasar os Montes Comunais, así como a súa repercusión económica e social na contorna.

Durante a súa intervención, Mario Outeiro amosou a implicación e compromiso co monte galego que ten adquirido a área de Cultura e Patrimonio Histórico que dirixe, “xa que os nosos montes son un patrimonio natural moi importante e unha fonte de riqueza esencial para Galiza”, e fixo unha chamada á defensa do territorio, solicitando “un maior apoio por parte das administracións públicas e unha maior concienciación, tamén por parte da sociedade, coa sustentabilidade territorial e medioambiental dos nosos montes”.

Neste sentido, o delegado insistiu en que “no monte en mancomún atopamos algunhas comunidades con proxectos moi interesantes, que apostan pola diversificación e o aproveitamento, creando emprego, algo máis interesante, se cabe, tendo en conta a situación económica actual. O monte veciñal segue a ter futuro e pode ser unha ferramenta para o desenvolvemento do país”.

Exit mobile version