Site icon Crónica3.com A Mariña

Nova “deitada” no Hospital da Costa baixo o lema “no verán tamén enfermamos!”

As organizacións CCOO, CIG, CSI-F, e SAE, con representación no ámbito sanitario, fixeron una “deitada” na entrada do Hospital da Costa esta mañá na que participaron traballadoras e traballadores da sanidade pública tras do anuncio “dun peche de camas histórico en todos os hospitais de Galiza”, tamén no Hospital da Costa, mentres se padecen unhas listas de espera que consideran “tamén históricas”.

Ao dato oficial de 38.106 persoas en lista de espera, as organizacións sindicais da sanidade engaden as cifras de persoas nas listas de espera non estrutural, que elevarían a cifra de doentes agardando por seren atendidos/as a 60.000. Centos destas persoas “levan máis de 5 anos esperando unha intervención cirúrxica”, subliñan.

Á denuncia do maior peche de camas de toda a historia da Sanidade Pública (serán máis de 1.200 camas diarias as que se pechen), súmase o bloqueo de axendas na Atención Primaria. As organizacións sindicais advertiron das graves consecuencias que estas medidas van ter para a asistencia sanitaria, salientando colapsos dos servizos de urxencias, o aumento considerábel das xa alarmantes cifras de espera e o aumento do paro no sector sanitario.

As organización convocantes explicaron que “todas as medidas que se están a tomar desde o goberno do PP están encamiñadas á privatización e desmantelamento da Sanidade Pública, a entregala ás mans dos lobbys sanitarios, dos que, por certo, moitos Xerentes e até a propia Conselleira forman parte”. Indicou que “nos servizos privatizados até agora son múltiples as deficiencias que vimos denunciando, polo que o argumento de que a privatización se fai por aforro e por mellorar a prestación, cae polo seu propio peso. Nunca presentaron un informe económico no que se recollera o tal aforro do que falan”.

Exit mobile version