CIG, CCOO, SAE e CSIF convocan unha mobilización cidadá para o próximo mércores 21 de maio ás 20.30 horas con saída do Hospital da Costa en defensa da sanidade pública e contra o peche de camas no período estival.
NA FOLLA DE RUTA DO DESMANTELAMENTO DA SANIDADE
“A Xunta de Galiza de Feijóo e Mosquera ten na súa folla de ruta desmantelar a sanidade pública e dedícase a privatizar servizo a servizo (tecnoloxía, plataforma loxística, esterilización) e, agora co decreto de xestión clínica, pretenden que sexan as/os profesionais quen recorten as prestacións dos/as usuarios/as, constituíndo microempresas que a medio prazo poidan ser privatizadas”, denuncian. Cada ano os orzamentos en sanidade redúcense drasticamente co obxectivo de recortar as prestacións sanitarias. En contraprestación os copagamentos sanitarios incrementáronse nun 260%, supoñendo un imposto sobre a enfermidade das persoas con menos recursos.
O MAIOR PECHE DE CAMAS E A MAIOR LISTA DE AGARDA
Durante as protestas alertouse que o anuncio do maior peche de camas da historia en todos os hospitais de Galiza faise mentres padecemos unhas listas de espera “tamén históricas”, que segundo o SERGAS son de 38.106 persoas. Dato oficial que pretende pintar a realidade, xa que ocultan a espera non estrutural. Segundo confirmaron as centrais sindicais, as cifras reais que figuran hoxe no rexistro de espera de Galiza superan as 60.000 persoas. Centos destes/as pacientes levan máis de 5 anos agardando unha intervención cirúrxica.
A este respecto, indican que se poderían aproveitar os meses do verán empregando os quirófanos para alixeirar a lista de espera mais, polo contrario, a Xunta acorda pechar a metade deles.
Témese ademais que, tal e como ten acontecido noutros anos, a Xunta non aproveite este peche para afondar no recorte de servizos e volva reabrir as unidades e camas. Unha situación que empeoraría considerabelmente a atención sanitaria.
GARANTIR O SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE
Fronte a este ataque sistemático dende os gobernos do PP, as organizacións sindicais demandan que se blinde a sanidade pública contra das privatizacións e un compromiso firme e verídico dos gobernos na defensa do sistema público,, deseñando plans de choque para rematar coas listas de espera, empregando todos os recursos, poñendo a funcionar mañá e tarde os quirófanos e servizos centrais: laboratorios, raios, consultas, etc., dotándoos do persoal necesario para o seu funcionamento e cubrindo as xubilacións. “En definitiva, creando emprego e non destruíndoo a pasos axigantados”.
“Até o de agora, e co esforzo de todas e todos as/os profesionais do Sistema Sanitario Público en Galiza contábamos cun dos mellores servizos de saúde. Feijóo e Mosquera érguense en defensores/as da Sanidade Pública mentres participan no “lobby sanitario” SEDISA, xunto coa industria farmacéutica e empresas privadas. Estes son os compañeiros/as de viaxe que marcan a folla de ruta da Consellería de Sanidade e da Xunta”.