Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG afirma que a prórroga do Plan de Axuste non supón aforro ningún e que vai repercutir no peto dos veciños e veciñas de Barreiros

Barreiros, 28 de maio de 2014. O BNG facilitou os datos contidos no plan de axuste que recolle a ampliación a 20 anos da devolución dos 2,5 millóns de euros de débeda, provocada pola mala xestión do goberno local do PP, que inicialmente se faría en 10 anos, e que suporá finalmente o pago de máis de 5 millóns.

Explica a portavoz municipal do BNG, Ana Ermida, que “o alcalde pretende enganar á xente ao falar de aforro, porque se apraza a devolución do préstamo de 10 a 20 anos, mais iso significa pagar máis intereses.” “Facendo un sinxelo cálculo e tendo en conta que xa se levan pagados dous anos (máis de 200.000 euros) e que o que aproba agora o goberno local do PP son outros dous anos só de intereses (260.000 euros) e 290.000 euros durante 16 anos (4,64 millóns), a débeda elévase a un desembolso de máis de 5 millóns que terán que afrontar co pago de taxas, prezos públicos e impostos as veciñas e veciños de Barreiros’.

“Falar do aforro que vai supoñer ampliar a carencia do préstamo en dous anos é enganar á xente, xa que os anos de carencia non son de amortización de préstamo, só de pago de intereses e, polo tanto, o que se está a facer é incrementar os intereses que se lle pagan aos bancos que concederon eses préstamos”, aseguran desde o BNG.

A portavoz municipal do BNG en Barreiros explicou que “se xa o préstamo a dez anos supoñía pagar máis de 1,5 millóns de euros de intereses, con esta ampliación, esa cifra aumenta a máis de 2,5 millóns. Polo tanto non existen eses miles de euros de aforro dos que fala o alcalde de Barreiros, xa que a medio prazo o custe vai ser moito maior”.

A respecto das medidas contempladas no plan aprobado polo Partido Popular, recóllese expresamente que só se poderán tomar medidas que determinen un incremento do importe total das cotas de cada tributo, así como que ao cuarto ano desde a aprobación do novo plan de axuste revisado, os servizos públicos que se presten autofinanciaranse con taxas e prezos públicos. “Con este plan de axuste, o Partido Popular pretende impedir que se poidan aplicar en Barreiros, durante os vindeiros 20 anos, políticas distintas das que eles están facendo, xa que a sinatura da prórroga supón unha limitación nestas cuestións e a asunción das medidas que se contemplan,” explica Ana Ermida.

“Non imos permitir que a incapacidade do Partido Popular arruíne o noso concello e o deixe sen capacidade de aplicar políticas precisas para as veciñas e veciños, por iso nos opoñemos ao plan de axuste que hipoteca ao Concello por 20 anos e que suporá graves prexuízos para Barreiros ”, conclúen desde o BNG.

Exit mobile version