Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela di que o Concello oculta un conflicto laboral na Escola de Música Municipal que se remonta á entrada do PP á fronte do Goberno Municipal

Burela, 22 de maio de 2014.- A problemática en relación á Banda de Burela devén dun conflicto laboral no seo da Escola de Música que se está ocultando por parte do Concello. O Grupo Municipal do BNG formulou no último pleno municipal unha serie de preguntas en relación á modificación substancial das condicións de traballo de varios dos profesores que imparten clase na Escola de Música.

O Concello de Burela procedeu á modificación das condicións de traballo dalgúns dos profesores desde o pasado mes de marzo, xustificando esta medida en base a un informe elaborado pola dirección do centro. O que aínda non foi aclarado a día de hoxe polo Sr. Alcalde é por que desde o Concello non se puxeron en contacto co profesorado afectado para coñecer a súa situación laboral nin por que non se convocou á mesa negociadora para informar ao Comité de empresa desta situación, procedendo directamente á notificación do persoal afectado.

Para a formación nacionalista “resulta anómalo que se proceda á modificación laboral de varios dos profesores en pleno mes de xaneiro, unha vez iniciado o curso escolar e tendo en conta que o Concello procedeu á contratación de tres profesores nese mesmo mes. Non se entende que se lle reduza a xornada laboral a algúns profesores mentres se está a contratar novo profesorado en metade do curso escolar”. Desde o BNG engaden que “esta é unha máis da longa serie de irregularidades practicadas polo Concello en relación á Escola de Música, como aconteceu co proceso de matriculación para o presente curso escolar, onde os pais e nais non foron informados da suba nas taxas de matriculación aprobadas polo PP, que viron como se incrimentaba o custo en relación ao prezo inicial. O Concello de Burela ten coñecemento do malestar existente neste sentido e a día de hoxe aínda non aclarou esta situación coas persoas afectadas”.

O PP prescinde do director da Banda de Burela desde marzo e pon en risco a continuidade mesma da propia agrupación.
O Grupo Municipal do BNG tamén preguntou en pleno pola Banda de Música, onde o Sr. González Barcia recoñeceu que o Concello prescindiu do Director da banda desde o pasado mes de marzo. Para o BNG queda claro que se trata dunha persecución por motivos políticos e que realizou un despedimento encoberto, procedendo á reducción da xornada laboral do director ata a mínima expresión para evitar o despido. Con esta medida adoptada polo Goberno do PP, a banda de Burela queda nunha delicada situación, sen financiamento de ningún tipo, sen colaboración do Concello e agora sen director, como ten denunciado publicamente Amigas e Amigos da Banda. Mario Pillado, portavoz municipal do BNG afirmou que “trasladamos todo o noso apoio á banda de Buela e que traballaremos desde o Grupo Municipal para que a banda non desapareza”.

Exit mobile version