A Responsable Local do BNG de Foz, Lorena Seivane, convoca a toda a veciñanza desta localidade ao acto de campaña que terá lugar o vindeiro día 19, luns, na sala Bahía as 20:30 horas. Onde se dará conta das propostas da Fronte Nacionalista para que as “políticas europeas muden o rumbo e a Unión Europea sexa a Unión dos Pobos”. Ademais da propia Lorena, participarán neste acto Xan Carlos G. Basanta, Portavoz Municipal e Olalla Rodil, candidata ao Parlamento Europeo polo BNG.
Segundo Lorena Seivane, “son estas unhas eleccións de máxima importancia, pois Galiza xógase moito para o seu futuro, ao ser en Bruxelas onde se deciden as políticas que ate o de agora están a masacrar o tecido productivo do noso país, privando aos nosos barcos de cota de pesca, forzando aos nosos gandeiros e agricultores a deixar de producir e a provocar a saída a tropel dos nosos mozos, pois as políticas levadas a cabo polo neoliberalismo en Europa están a eliminarlles o futuro no seu país, a deixalos sen traballo obrigándoos a unha nova emigración”. Por iso é importante, di: “que o BNG estea no Parlamento Europeo, pois se o Bloque está, Galiza está”.
Lorena Seivane, en nome de toda a militancia do BNG de Foz, agarda e agradece de ante man a participación neste acto a toda a veciñanza do concello.