Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pecha a campaña en Viveiro reclamando políticas de emprego para garantir o futuro na terra

A Mariña, 23 de maio de 2014. O BNG pechou a campaña na comarca con un acto nos xardíns Noriega Varela de Viveiro, no que participaron o portavoz municipal, Bernardo Fraga; a parlamentaria Ana Pontón e a candidata ao Parlamento Europeo, Olalla Rodil.

Neste acto, os nacionalistas mesturaron reivindicación e imaxinación para levar a cabo unha solta de globos ao aire como acción simbólica coa que denunciaron “as políticas de emprego que condenan á mocidade a emigrar, que fai que as nosas mozas e mozos se volatilicen e desaparezan desta comarca, condenándoa a desaparecer.”

“Nos últimos catro anos máis de 3.000 mozas e mozos desapareceron dos censos de poboación da comarca, polo que máis de 3.000 persoas marcharon, probablemente de xeito definitivo, xa que ata cambiaron o seu enderezo censual”, explicaron desde o BNG. “Estas persoas non marchan por espírito aventureiro nin por coñecer outras culturas. Marchan expulsadas do seu País, da súa terra, pola aplicación de políticas que impiden o o seu desenvolvemento e un futuro digno para a nosa comarca.”

A formación nacionalista chamou neste último día de campaña “a rebelarse contra estas políticas deseñadas pola Unión Europea e aplicadas por PP e PSOE indistintamente que condenan a este país e a esta comarca á emigración e ao seu esmorecemento.”

“As mozas e os mozos son o garante do futuro para calquera país. Se son expulsados, se se permite que sigan a marcharse milleiros cada ano, estaremos condenando eternamente a este país”, aseguraron desde o BNG.

“Por iso o domingo temos a oportunidade de rebelarnos, temos que exercer o voto para dicir que xa está ben de políticas feitas e aplicadas para beneficiar ao grande capital, mentres se perxudica ás persoas. Temos que votar con dignidade e dar un primeiro paso para mudar o xeito de facer política: unha política para as persoas e para os pobos”, conclúen desde o BNG.

Valoración da campaña
Desde o BNG valoraron a campaña desenvolta pola formación na comarca nestas dúas semanas como “moi positiva, na que a militancia e simpatizantes do BNG foron quen de romper o silencio e a censura á que se someteu á formación durante estes quince días; achegando a mensaxe do BNG a todos os concellos da comarca, realizando actos públicos, repartos e encontros para lograr espallar a alternativa nacionalista por toda A Mariña”, declarou a responsábel comarcal Ana Ermida.

“Desde o BNG reclamamos nesta campaña o que vimos facendo historicamente en todas as institucións nas que estamos: capacidade para decidir sobre o noso e para poder aplicar políticas adaptadas ás nosas necesidades. Por iso defendemos a eliminación do principio de estabilidade relativa que lle impide pescar aos nosos barcos coa imposición de cotas que perxudican á flota galega; a creación dun fondo de compensación láctea para afrontar a desaparición das cotas lácteas o vindeiro ano; a garantía de competencia e prezos xustos para as produtoras de madeira; a defensa dos servizos públicos e de calidade como a sanidade, a educación ou os servizos sociais ou políticas de emprego que eviten a sangría que estamos a sufrir nesta comarca”, recordou a responsábel nacionalista.

A formación nacionalista agradeceu “a implicación de todas as persoas que fixeron posible que a campaña do BNG chegara a todo o mundo e animou a responder con contundencia nas urnas o vindeiro domingo, apostando por outra forma de facer política no que o prioritario son as persoas.”

Exit mobile version