Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pide en Barreiros a dimisión da Conselleira de Sanidade e do Xerente da Área de Xestión Integrada de Lugo

prometida nova sala de endoscopias sen dotacions_burela(1)A Mariña, 22 de maio de 2014.- O BNG celebrou un acto na tarde-noite de hoxe en Barreiros no que interviron a traballadora do Hospital da Costa, Montse Porteiro; a responsábel comarcal e portavoz municipal do BNG en Barreiros, Ana Ermida e o sindicalista Xosé Ferreiro.

Neste acto, no que o BNG pediu que “se deixen de salvar bancos e se salve á xente”, os nacionalistas esixiron a “dimisión inmediata da Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera e do Xerente da Área de Xestión Integrada de Lugo, Antonio García Quintáns, pola falta de respecto e de humanidade que demostran cada día, soltando mentiras e promesas e xogando coa saúde da xente.”

A formación frontista demostrou que a segunda sala de endoscopias, cuxa apertura anunciaron como inminente en febreiro deste ano, está sen o material e, polo tanto, lonxe de ser utilizada. Nas fotos facilitadas polos nacionalistas pode verse unha sala baleira, na que o único que hai é un monitor dunha antiga torre de dixestivo, inutilizada, que teñen almacenada nese espazo.

A responsábel comarcal do BNG e portavoz municipal en Barreiros, Ana Ermida preguntou “onde van os equipos por valor de máis de 130.000€ que anunciou o Sergas que se investiran na remodelación desta sala? Que nos expliquen a Conselleira e o Xerente de Lugo a onde destinaron ese material ou, no seu defecto, ese diñeiro”, esixiu.

Desde o BNG califican estas actuacións como gravísimas e consideran que “se aínda lles queda algo de decencia, deben dimitir inmediatamente. Deben saír a pedir perdón a todas as mariñás e mariñáns e, en especial, a aquelas persoas enfermas coas que levan xogando inhumanamente desde que chegaron ao goberno.”

“Esta é a política que se deseña na Unión Europea por eles mesmos. Contra isto é contra o que temos que loitar e rebelarnos o vindeiro domingo”, animan desde o BNG. “Non son persoas, non teñen corazón. Son meros executores que tapan con mentiras as súas verdadeiras caras. Están convertendo a sanidade pública nun negocio. Eles son os que prefiren salvar bancos a salvar persoas. Deséñano en Europa e execútano aquí, en Galiza, na Mariña, no Hospital de Burela”, asegurou Ermida.

“A dotación da segunda sala de endoscopias no Hospital da Costa con dúas torres de endoscopia dixestiva novas, unha delas con magnificación (que sería a primeira torre con este sistema de toda a EOXI); a renovación dos monitores, lavadoras, dous gastroscopios e catro colonoscopios é unha mentira. A sala, na que o único que puxeron foi un lavabo, nen sequera ten unha camilla. Polo tanto, tamén é unha mentira que se libere a torre adicada a broncoscopia para a súa utilización exclusiva en Neumoloxía.”

“O Partido Popular está enganando continuamente ás mulleres e homes desta comarca a respecto da situación da sanidade pública e do Hospital da Costa: coa ampliación do Hospital, coa posta en marcha do hospital oncolóxico de día e tamén con esta sala de endoscopias. Ademais de demostrar que non teñen vergoña, as continuas mentiras demostran que son xente sen escrúpulos. Que lles vale calquera cousa á hora de salvar a cara”, aseguran desde o BNG.

O sindicalista, Xosé Ferreiro, anunciou tamén que a CIG, a través do BNG, levará ao Parlamento galego iniciativas e preguntas sobre a queima e destrución de milleiros de placas de raios X con máis de cinco anos de antigüidade que estivo facendo unha empresa privada para baleirar espazo e sobre as cales non se sabe se hai informes feitos, tal e como esixe a lei.

“Non imos permitir nin unha soa mentira máis a respecto da nosa sanidade. Nin unha soa falta de respecto máis para as mulleres e homes desta comarca e, en especial, para as persoas enfermas e os seus familiares. Esiximos que dimitan inmediatamente as dúas persoas con máxima responsabilidade nestes enganos e nestas actuacións: a Conselleira, Rocío Mosquera e o Xerente de Lugo, Antonio García Quintáns”, conclúen desde o BNG.

Exit mobile version