Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG valora positivamente os resultados electorais do pasado domingo na Mariña

A Mariña, 27 de maio de 2014. A Executiva Comarcal do BNG reuniuse na noite de onte na Mariña para realizar a valoración dos resultados obtidos pola formación nas eleccións ao Parlamento Europeo do pasado domingo.

“A pesares da perda de votos que tivemos na comarca, valoramos positivamente un resultado que nos permitiu manter a nosa posición na Mariña como terceira forza e tamén lograr un resultado global que fai que Galiza teña voz en Europa por medio de Ana Miranda”, explicou a responsábel comarcal. “O feito de manter estes resultados, permítennos empezar un proceso de recuperación de cara ao futuro, paliando a perda de apoios e seguindo como referencia dos sectores aos que defendemos e apoiamos durante estes anos.”

Mentras o PP e o PSOE se desploman nos apoios, o BNG amortigua a súa caída nesta cita electoral, tendo en conta ademais das dificultades obxectivas ás que se enfrontaba. “Fomos quen, co traballo e a forza da militancia e de persoas non militantes que se implicaron na campaña, de romper coa censura que se nos impuxo desde o poder da man da Xunta Electoral Central, con campañas de intoxicación, coa criminalización das nosas alianzas, etc.”, aseguran. “O BNG, cunha campaña modesta desenvolta e financiada exclusivamente pola militancia co abono de cotas extras, fixo un esforzo maiúsculo para achegar a súa mensaxe a toda a poboación da comarca, organizando actos, repartos e encontros na práctica totalidade dos concellos.”

“Desde o BNG consideran que, dado as circunstancias ás que se enfrontaba o nacionalismo en Galiza nestas Europeas, con unha fragmentación de forzas (fronte á situación de 2009, onde o BNG era a formación unitaria do nacionalismo galego) o BNG obtivo uns resultados aceptables na comarca que serven de punto de inflexión para a recuperación da formación nacionalista.”

A responsábel comarcal agradeceu, en nome do BNG, “a confianza que depositaron en nós máis de 2.400 mariñás e mariñaos que acreditan no BNG para seguir defendendo a nosa pesca, o noso agro, a sanidade pública, o ensino público, o emprego, as persoas estafadas polas preferentes, as emigrantes retornadas que son estafadas pola facenda española e todas esas persoas que sentiron o noso apoio ao longo destes anos e cos que seguiremos loitando por outro xeito de facer política.” Tamén aproveitaron para “agradecer e recoñecer o traballo de toda a militancia e persoas que se achegaron ao BNG para desenvolver esta campaña, permitindo a nosa presenza social, a pesares de todos os impedimentos que se nos puxeron.”

Exit mobile version