A estrea de Vista Alegre nun Play Off polo título non foi a desexada para o Burela Pescados Rubén que caeu ante o poderoso ElPozo Murcia por 3-8. Con esta vitoria os murcianos adiántanse (1-0) na serie de cuartos de final, o segundo choque dispútase no Palacio dos Deportes de Murcia o vindeiro venres 16, ás 21.00 horas.
O Burela Pescados Rubén buscaba as súas opcións para meterse no choque e nun arranque de Mimi por banda dereita Juanma cazou o balón ao segundo pau e marcou o 2-3. O ritmo volveu incrementarse na pista pero no intercambio de ocasións os mariñáns saíron danados. Fabio evitou o empate a disparo de Isi e a continuación unha xenialidade de Grello supuxo o 2-4, cortando de novo a reacción do Burela Pescados Rubén que, co cupo de faltas cuberto, apostou por Burrito como porteiro xogador e tivo as súas opcións. Unha vez máis, a definición pimentoneira marcou a diferenza xa que José Ruiz aproveitou un balón solto para marcar desde a súa pista o 2-5 co que se chegou ao descanso.
Na continuación, no primeiro minuto Franklin minou a moral mariñá marcando o 2-6 e deixando practicamente sentenciado o partido. O Burela Pescados Rubén perseverou no seu intento pero ElPozo xa manexaba o tempo do choque con tranquilidade. Matamoros fixo o 3-6 e como en anteriores ocasións, resposta inmediata visitante co tanto de Raúl Campos (3-7). No último minuto Grello redondeou a vitoria murciana (3-8).
Ficha técnica
Burela Pescados Rubén: Álex, Antoñito, Iago Míguez, Isi, Juanma –cinco inicial – Matamoros, Mimi, Burrito, Hugo, Christian, Carlitos.
ElPozo Murcia: Fabio, José Ruiz, Grello, Franklin, Eka –cinco inicial- Adri, Raúl Campos, Kike, Bebe, Juampi, Jesús, Fernan.
Goles: 0-1, m.5, Bebe; 0-2, m.6, Raúl Campos; 1-2, m.7, Matamoros; 1-3, m. 9, Adri; 2-3, m. 17, Juanma; 2-4, m.17, Grello; 2-5, m.20, José Ruiz; 2-6, m.21, Franklin; 3-6, m.26, Matamoros; 3-7, m.26, Raúl Campos; 3-8, m.40, Grello.
Árbitros: Gallo Suárez e Velasco Martínez de Asturias. Cartón amarelo no ElPozo Murcia a Grello (m.3), Adri (m.11), Eka (m.15), Jesús (m.32). Polo Burela Pescados Rubén a Burrito (m.14), Mimi (m.24), Alex (m.33) e expulsaron a Hugo por dobre cartón amarelo (m.17 e m.35).
*Fotos: A Caixa Escura.