Site icon Crónica3.com A Mariña

O Club de Remo Ribadeo volve funcionar tras preto de 10 anos sen actividade

Ribadeo, 20 de maio de 2014. O Club de Remo Ribadeo volve a poñerse en marcha cunha directiva renovada que conforman 8 mozos da localidade que, no seu momento, tomaron parte como remeiros en distintas categorías do Club.

A nova directiva, que preside David Rivas Peña, ten un obxectivo claro: “volver a converter o remo nun deporte que mova base social en Ribadeo e que leve por todo o mundo o nome do noso concello.” Para iso, estes mozos xa se puxeron a traballar adecuando como local social parte da antiga fábrica de algas, cedido por Costas a mediación do Concello de Ribadeo, no que almacenarán os botes para saír á auga, mais tamén no que se habilitará un espazo para entrenamento en ximnasio e foxos de auga para simular o remo en exterior cando non sexa posible saír.

A nova directiva amósase moi satisfeita coa acollida que están a ter e manifestan a súa satisfacción coa colaboración que se lles está prestando tanto desde entidades públicas, como o propio Concello de Ribadeo ou a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo, como desde entidades privadas que se manifestan predispostas a asinar colaboracións co Club, como é o caso de Galipizza & Cia. Neste sentido, informan de que “o Concello de Ribadeo ofertará dentro das actividades das escolas deportivas municipais o remo, permitíndonos así darnos a coñecer entre nenas e nenos que veñen practicando outros deportes e que poderán achegarse ao mundo do remo por primeira vez no seu propio concello.” Pero os directivos do Club de Remo de Ribadeo non quedan aí: “pretendemos ofertar a actividade para todas as nenas e nenos da zona. Non só de Ribadeo, senón tamén dos concellos de preto que non teñen posibilidade de practicar remo na comarca salvo que se despracen a San Cibrao ou Celeiro. Pretendemos volver a situar ao Club de Remo Ribadeo no mapa do remo competitivo estatal e mundial, que poidamos volver a presumir, no bo sentido da palabra, dos éxitos deportivos das nosas remeiras e remeiros, como xa fixemos noutras épocas e como facemos con outros deportes como poden ser o fútbol ou o baloncesto.”

Dos éxitos colleitados polo Club de Remo Ribadeo ao longo da súa traxectoria dan boa conta as moreas de trofeos que se acumulan en caixas á espera de engalanar as paredes do novo local: campionatos galegos, españois, regatas internacionais e nomes tan coñecidos como os olímpicos Mauricio Monteserín e Carlos Loriente, o internacional Miguel Ángel Millares e o internacional xuvenil Manuel García Oliveros pasaron anos competindo baixo as cores azuis e branca que representan ao club ribadense.

Cunha imaxe renovada e coa ilusión de quen aproveitou a súa mocidade para poñer a Ribadeo nos calendarios mundiais do deporte, o Club de Remo Ribadeo agarda volver a recoller éxitos deportivos, mais, por riba de todo, márcanse un obxectivo claro: “queremos que as nenas e nenos vexan o remo como un deporte ao alcance da súa man, que poden practicar aquí, na súa casa e, por riba de todo, contribuír, na medida das nosas posibilidades a ter unha mocidade máis sa, educada nos valores deportivos e da igualdade.” Por iso, tamén teñen moi presente outro obxectivo: “queremos facer equipos femininos. Queremos contar con nenas no noso equipo e poder contribuír, desde Ribadeo, aos éxitos que o remo feminino galego vén colleitando ao longo da súa historia, como demostra, por exemplo a selección feminina de remo de Galicia nas súas participacións na Bandeira da Concha, onde se fixo con catro das cinco bandeiras que disputou.”

Queda moito traballo por diante, pero tamén moitas ganas de reflotar un proxecto do que todos estes mozos formaron parte como tripulación nalgún momento. Agora tócalles poñerse ao mando, exercer de patróns dun Club que, de seguro, chegará a bo porto.

Exit mobile version