Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo clausura as Escolas Deportivas nas que participaron 284 persoas e ofreceron 10 disciplinas

Cervo, 30 de maio de 2014- Cervo despediu este venres de forma oficial a temporada 2013-14 das Escolas Deportivas Municipais nas que participaron de setembro a maio 284 persoas, das cales 120 foron nenos e mozos, e 164 adultos. Uns niveis de participación elevados que demostran que “os veciños de Cervo están cada vez máis implicados na práctica de deporte”, asegurou o alcalde, Alfonso Villares, que estivo presente nos actos xunto a outros membros do goberno local.

No caso das Escolas, o Concello deseñara unha oferta variada cun total de 10 disciplinas con opcións para persoas de todas as idades e que incluíu fútbol sala, baloncesto, patinaxe artística, tenis, pádel e pequexogos para idades infantís; zumba para a mocidade; e aeróbic, ximnasia de mantemento e pilates para adultos.

Unha oferta que foi posible grazas ás diferentes instalacións deportivas que existen no municipio e que permiten a práctica de todas estas disciplinas, xa que cada unha delas precisa pistas ou campos con características moi concretas. Da mesma maneira, dende as Escolas tamén se realizaron actividades complementarias como a excursión á pista de xeo de Santiago ou o Torneo de Baloncesto de Base co obxectivo de diversificar a práctica de deporte máis alá da rutina cotiá e dende un punto de vista lúdico.

Unha clausura que tivo lugar no pavillón do CEIP Cervo e que comezou ás 18 horas con xogos nos inchables para os máis pequenos. Ademais, ofreceuse a tradicional exhibición de patinaxe artística dende as 19:30 horas. A clausura oficial comezou ás 20:30 horas coa entrega da revista das Escolas e de medallas a todos os nenos participantes.

O rexedor felicitou aos asistentes “pola súa excelente temporada nas Escolas” e animounos a “volver o ano que vén coa mesma enerxía e motivación que demostraron nestes meses de actividade”.

Exit mobile version