Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo lamenta que a Deputación non teña a súa propia documentación sobre os accesos ao polígono de Cuíña

Cervo, 13 de maio de 2014- A Xunta de Goberno Local lamentou que a Deputación non dispoña dos seus propios documentos relacionados co proxecto de construción dos accesos ao polígono de Cuíña. O Concello vén de recibir un escrito no que o mesmo Goberno Provincial recoñece que non ten o expediente completo sobre as expropiacións nin tampouco ten rematado o plano parcelario.

Por iso, a Xunta de Goberno Local acordou amosar a súa “desconformidade co nulo apoio que está a dar a Deputación aos veciños de Cervo”. A edil de Facenda, Yolanda Pedreira, destaca “a falta de preocupación e de interese do Goberno Provincial por este proxecto tan necesario, tanto por motivos de seguridade viaria en San Ciprián como polo impulso industrial que podería supoñer para o noso municipio”.

“É moi grave que non teñan documentos despois de máis de dous anos pedíndolles que continúen cos accesos ao polígono”, recalca Pedreira. Ao mesmo tempo, a edil lembra que en todos estes anos de peticións “ou non respondían, ou dicían que terían en conta o proxecto para futuras ocasións. Agora é cando se dan conta de que non teñen o expediente?”.

Para Pedreira, trátase dunha actitude “irresponsable e despreocupada”, pero “non podemos esquecer que están xogando coas necesidades duns veciños. Están xogando coa nosa seguridade e co noso desenvolvemento industrial e económico”.

O Concello remitiu un escrito á Deputación no que lle traslada o seu pesar ante esta situación e no que tamén solicita unha vez máis ao Goberno Provincial que “actualice a súa documentación e execute os accesos ao polígono para que os camións de grande tonelaxe deixen de circular polo centro de San Cibrao e o fagan por uns accesos axeitados, directos e que faciliten a súa entrada no polígono”.

Exit mobile version