Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo realiza melloras nas piscinas de Río Covo de cara á temporada de baño

piscina_riocovoCervo, 21 de maio de 2014.- O Concello de Cervo informa de que leva varias semanas traballando para acondicionar as piscinas descubertas de Río Covo de cara á temporada de verán. En concreto, a administración local realizou diversas obras e reparacións para un mellor funcionamento. Unha delas foi a construción de novas canalizacións na piscina principal que permitan unha óptima distribución do cloro por todo o vaso e unha maior renovación da auga.

Unha obra que implicou ademais outros cambios na sala de máquinas para a mellora da circulación da auga. Unhas actuacións que o Concello tiña que realizar para atender as esixencias da nova normativa sanitaria que entrou en vigor hai menos dun ano.

Uns traballos que a administración local executou con recursos propios e que eran o paso previo ás obras de mantemento que se realizan todos os anos para acondicionar as instalacións de cara ao verán. Unhas tarefas que afectan tanto ao vaso principal como ao infantil e que comezan co baleirado da auga.

Despois, iníciase a reparación do revestimento e os azulexos e vólvese encher a piscina con auga renovada á que se lle aplicará un tratamento de cloro. E como paso previo á apertura da piscina o Concello traballará no control de todos os parámetros de calidade da auga para que estea en perfecto estado, cumpra coas normas sanitarias e permita a súa apertura a principios de xullo. Unhas tarefas que se iniciarán a próxima semana.

“Estamos traballando con moitas semanas de antelación co obxectivo de que chegado o momento de iniciar a temporada de baño todos os veciños e visitantes teñan dispoñibles estas instalacións” explica o edil de Deportes, Luis Guillén, que xunto co alcalde de Cervo, Alfonso Villares e técnicos municipais comprobaron o remate dos traballos.

Exit mobile version