Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz organiza unhas xornadas de orientación laboral para desempregados entre o 10 e o 12 de xuño

Foz, 29 de maio de 2014. O Concello de Foz organiza unhas xornadas de orientación laboral para desempregados. Desenvolveranse no edificio do Cenima os días 10, 11 e 12 xuño de 16 a 19:30 horas. Os interesados deben anotarse na Casa do Concello ou chamando ao teléfono 982.14.00.27. O prazo de inscrición remata o 9 de xuño.

A orientadora laboral do Concello de Foz, Salomé Rodríguez Varela, explicou que “son unhas xornadas para dotar aos desempregados do noso concello de ferramentas para que fagan unha busca activa de emprego e de formación. É un servizo que se achega aos demandantes de emprego porque estamos detectando que hai xente que non sabe facer un currículo, non utilizan as ferramentas para buscar traballo activamente. Necesitan tamén un pouquiño de motivación para facer unha busca axeitada de emprego e que teñan éxito. Entón, xa que existe o servizo de Información e Orientación Laboral no Concello de Foz, vamos facer estas xornadas para dotalos destes recursos que lles permitan ter autonomía á hora de buscar emprego. Paréceme que é algo que hai que ter para buscar un posto de traballo ou un curso de formación. Hai que saber o que se vai buscar e definir o perfil”.

Salomé Rodríguez engadiu que aos participantes nas xornadas “ímoslles axudar na busca activa de emprego, a facer un itinerario, marcarse un obxectivo profesional, … Porque buscar traballo é un traballo máis e se se fai dunha maneira axeitada conseguiremos o obxectivo que nos marcamos. O resultado pode ser positivo ou negativo. E cando sexa negativo preguntarémonos por que, en que erramos, que fixemos mal. E se é positivo xa veremos que a ferramenta que utilizamos foi a axeitada. Para iso estamos os técnicos de orientación, para axudarlles”.

A orientadora laboral focense espera “que se apunte moita xente e que teñamos que facer unhas segundas xornadas. Pero o máis importante é que lle axudemos aos participantes a encontrar un posto de traballo ou un curso de formación que os acredite para traballar”.

Exit mobile version