Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo pon en marcha os bonos axuda para a conciliación da vida laboral e familiar que se poden solicitar todo o ano

Ribadeo, 5 de maio de 2014. O pasado 15 de abril entrou en vigor a ordenanza para a utilización dos bonos axuda do Concello ribadense para a conciliación da vida laboral e familiar. A novidade, segundo explicou a concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, é que “non se estenderán os, senón que as axudas chegarán directamente ás familias”.

A edil nacionalista dixo que “o 15 de abril publicouse e entrou en vigor unha nova ordenanza para a utilización dos bonos axuda que dende o Concello de Ribadeo se establece para conciliar a vida laboral e familiar”.

Mariluz Álvarez Lastra subliñou que “o sistema modificouse, pois antes bonificábase co 50 por cento a hora de asistencia ás ludotecas do noso concello e agora o que se fai é dar as axudas directamente ás familias. Polo tanto todas aquelas persoas que desexen ter información sobre como tramitar e beneficiarse deste tipo de axudas, que segue sendo na mesma contía que antes, é dicir un 50 por cento do custe da ludoteca para os rapaces e rapazas da familia, sempre e cando se cumpran uns requisitos que veñen establecidos nas bases, deben pasar polo Centro de Información á Muller, que está situado na parte de arriba do auditorio municipal Hernán Naval e falar coas súas responsables para que lles tramiten a solicitude. A novidade é que non se van estender eses bonos senón que a axuda será directamente á familia. Faise unha estimación por un período de tempo da cantidade de horas que esa familia vai precisar e o Concello, se entra dentro das bases establecidas, concede esa axuda e logo a familia ten que xustificala”.

A concelleira de Igualdade lembrou que “no seu momento, cando se trouxo ao pleno esta ordenanza, suscitou algunha crítica por parte dalgún partido político respecto á discriminación cun centro educativo do noso concello. Como a ordenanza entra en vigor vou clarificar cales son os termos da súa utilización: os bonos axuda emítense para as dúas ludotecas que existen a día de hoxe no noso concello e ademais para o colexio Gregorio Sanz, porque a Anpa deste centro tramita estes bonos xa que ten persoal contratado para tal fin, é dicir actúa como unha ludoteca con total legalidade e polo tanto é susceptible de que a xente que opta a este tipo de iniciativa co programa Bos Días, que se fai nese centro educativo, poidan optar a eles. Funcionan como unha empresa, contratan un persoal que atende aos nenos. Polo tanto non existe ningunha diferenza coas ludotecas existentes no noso concello. Non se trata polo tanto de discriminar, simplemente é que un centro actúa desa maneira e no outro centro, ao que se referían, ese servizo faino o propio profesorado do centro. Polo tanto ao non actuar como unha empresa que contrata persoal para tal fin non se pode optar a esa axuda”.

Álvarez Lastra engadiu que “fixémolo a través dunha ordenanza, porque deben ser públicas, con acceso por parte de todo o mundo e debe haber uns criterios claros establecidos para que todo o mundo poida miralos e no seu caso recorrelos, cando estivo exposta ao público, e poida optar a eles dunha maneira transparente, igualitaria e equitativa. É a mellor maneira de facelo”.

As familias que queiran optar a estes bonos axuda terán que presentar a solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Ribadeo coa documentación xustificativa conforme reúnen os requisitos esixidos. Unha vez valorada polo Concello se lle fará a transferencia da axuda económica que terá que xustificar por medio de factura unha vez efectuado o gasto no servizo correspondente.

Para ser beneficiario/a desta axuda deberá cumprir os seguintes requisitos:
1º. A/o menor/a deberá estar empadroado en Ribadeo. Asemade tanto a nai ou no seu caso o pai solicitante ou o/a titor/a legal deberán estar empadroados e ter a súa residencia habitual no Concello de Ribadeo. No caso de separación ou divorcio este requisito só será esixible a/o proxenitor/a que tivese a garda e custodia.

2º. Que a renda da unidade de convivencia non supere os 1500 euros netos mensuais se ten un fillo/a ao seu cargo ou 1.800 euros netos mensuais con dous ou máis fillos ao seu cargo.

3º Non dispor de bens inmobles, distintos á vivenda habitual, sobre os que se posúa un dereito de propiedade, que, polas súas características, valoración, posibilidade de explotación ou venda, indique a existencia de medios suficientes para atender a necesidade para a que se solicita a axuda.

4º. O servizo de ludoteca/programa Bos Días subvencionárase soamente naqueles casos en que se utilicen as horas para conciliar a vida laboral e familiar. Será preciso que se hai unha parella traballen fóra do fogar os dous membros da unidade familiar e en horarios coincidentes.

5º. Entenderase por conciliación da vida laboral e familiar todas aqueles casos de:

– Ampliación da formación: estudos secundarios, universidade, preparación de oposición ou certificados de profesionalidade, cursos de formación ocupacional, exames…
– Motivos laborais: horario laboral, entrevista de traballo, horas extra…
– Urxencias: casos de enfermidade da persoa que se fai cargo das crianzas (coidador/a), hospitalización dalgún membro da familia.
– Motivos sociais: familia formada por un só proxenitor/a que cumprindo os criterios económicos, non estea desenvolvendo tarefa profesional algunha e se acredite que está nunha situación psicosocial difícil e se valore necesaria a socialización da/o menor.

A contía da axuda ascenderá a 50% do custe por cada hora de estancia no servizo de conciliación. O prazo para presentar as solicitudes será ao longo de todo o ano. As/os interesadas/os poden dirixirse ao Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo.

Exit mobile version