Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello e a Xunta estudan posibles alternativas á actual depuradora de augas residuais de Burela

Burela, 12 de maio de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, amósase satisfeito tras as declaracións efectuadas nas últimas horas en Burela polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, nas que este afirmou que o seu departamento está a analizar alternativas á actual depuradora de augas residuais de Burela.

Unha das posibilidades sería facer unha mellora profunda e ampla das instalacións actuais e outra pasaría por facer unha depuradora nova, algo para o que se estuda a posible ubicación en función do modelo a construír.

Segundo o rexedor “isto demostra unha vez máis o compromiso da Xunta e da Consellería de Medio Ambiente cos plantexamentos que lle facemos chegar desde Burela. E nese sentido mantemos e manteremos reunións con ese departamento, a través de Augas de Galicia, para ver cal é a solución que ofrece mellores garantías conxugando a calidade co investimento a realizar”.

González Barcia lembrou que “Agustín Hernández tamén corroborou que durante este mes sairá o anuncio das obras de acceso ao porto de Burela no boletín das comunidades europeas. Unha medida que é obrigatoria xa que o importe dos traballos ascenderá a 7’7 millóns de euros”.

O rexedor tamén fixo esta tarde unha valoración da celebración das xornadas de Expomar: “alí expresouse o dinamismo do sector pesqueiro e tamén a preocupación polo seu presente e polo seu futuro. Alí tamén quedou claro o máximo interese por continuar coa actividade empresarial pesqueira e o máximo interese do Concello por ese sector, que é de vital importancia para o tecido económico de Burela”. E sobre o encontro de palilleiras González Barcia destacou “a promoción que supón para o nome de Burela no exterior, ao igual que as xornadas de Expomar. O encontro de palilleiras foi un éxito, xa que participaron máis de 500. Este encontro é moi importante para o tecido económico de Burela e tamén para a súa promoción turística”.

Exit mobile version