Vázquez Abad recordou que “a cultura galega está intimamente ligada á natureza, posto que o noso vencello co medio ambiente rexístrase en innumerables obras artísticas, literarias e do noso repertorio musical, tanto tradicional como contemporáneo”. Pero segundo o conselleiro, “os recursos patrimoniais –naturais e culturais– son limitados, e correspóndenos a todos salvagardalos e legalos ás xeracións futuras”.
Neste sentido, o titular de Cultura e Educación afirmou que “como pobo responsable, fillo da terra e do mar, debemos aspirar, respecto á conservación do noso medio natural e salvagarda do patrimonio cultural, á realización da máxima grega de manter o pasado en recordo vivo”.
O conselleiro desexoulle aos asistentes a este congreso que estes días “saquen o máximo proveito persoal e intelectual deste evento, ademais de que teñan a oportunidade de coñecer un pouco mellor este pequeno paraíso que é o noso país, que gocen dos fermosísimos concellos de Cervo e Burela, e tamén que logo o conten e o divulguen”. “Galicia é unha terra orgullosa do seu pasado e respectuosa co seu presente, unha terra que ofrece milleiros de razóns para coñecela, para quedarse e volver a visitala”, concluíu.