Site icon Crónica3.com A Mariña

O delegado de Cultura da Deputación acusa a Feijóo de “politizar” a concesión das medallas Castelao

Lugo, 30 de maio de 2014. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, vén de acusar ao presidente da Xunta de “politizar” a concesión das medallas Castelao. O nacionalista Mario Outeiro dixo que “o presidente da Xunta despreza a figura de Castelao entregándolles as medallas deste ano ás momias vivas do partido popular”. Outeiro referiuse á figura de Carmen Fraga como “a filla dun ministro de Franco co único mérito de arruinar, en Europa, ao sector do mexilloeiro galego”. O delegado de Cultura da Deputación de Lugo dixo que “Feijoo utiliza este recoñecemento institucional para contentar a sectores do seu partido e esquence o verdadeiro sentido que teñen este tipo de galardóns”.

Para o Delegado de Cultura da Deputación de Lugo “trátase dunha inxustiza que está a cometer o Consello da Xunta de Galiza ao desbotar a proposta da Deputación de Lugo na concesión das Medallas Castelao 2014, o lucense Xosé Chao Rego” en palabras de Outeiro, “desenvolveu un labor que constitúe unha contribución eminente á cultura galega, e que promoveu, co exemplo do seu compromiso inquebrantable ao longo das súa traxectoria vital e profesional, os valores propios de Galiza e as obras que levan ao esclarecemento e á mellora das súas persoas e institucións”.

Mario Outeiro engadiu que “efectivamente Carmen Fraga estivo desempeñando o cargo de Eurodiputada, que non deixa de ser un cargo público polo que recibiu a correspodente retribución económica”, e explicou que “é vergoñento que se lle conceda esta condecoración a unha persoa simplemente por exercer o cargo para o que foi electa, máis aínda pertencendo a un partido político que, máis intensamente nos últimos anos, está a deixar á deriva a nosa Galiza, tanto no ámbito económico, despoxandonos dos nosos sectores produtivos, como en eidos como a cultura e a lingua, dos que parecen avergoñarse e para os que anulan calquera tipo de axuda desde as institucións que gobernan”.

A Medalla Castelao, unha condecoración de carácter civil outorgada pola Xunta de Galiza, e que, se supón, distingue a obra artística, literaria, e intelectual ou de calquera outro tipo de personalidade galega distinguida, creada en 1984, con motivo do retorno a Galiza dos restos de Castelao, recaeu, neste 2014, cando se cumpren 30 anos da súa creación, en personalidades como o procurador Juan Carlos Estévez Fernández-Novoa, a Pilar Iglesias Osorio, ao Obradoiro de Gaitas Seivane, ao policía vigués Francisco Javier Pitillas Torras, e á aínda Eurodiputada polo Partido Popular Carmen Fraga.

Exit mobile version