Site icon Crónica3.com A Mariña

O GPP acusa a Besteiro de “triplicar o endebedamento por habitante mentres reduciu en máis dun 25% o investimento por lucense”

Lugo 27 de maio de 2014.- A voceira do PP na Deputación Provincial de Lugo, Elena Candia, asegurou este martes que a analise dos indicadores recollidos nas contas da información económica da administración provincial demostran a osadía de José Ramón Gómez Besteiro cando fala da súa boa xestión ao fronte do ente.

En concreto a voceira dos populares lucenses referiuse a dous indicadores: o endebedamento por habitante e o investimento por lucense. Así, Besteiro triplicou o endebedamento mentres reduciu considerablemente o investimento.

En datos, no ano 2007 o ratio do endebedamento era de 30,31 mentres que no 2013 é de 114,8; é dicir, incrementouse nun 278,7%. A situación contraria é a que sofre o indicador do investimento por lucense. Mentres no 2007 o investimento era de 85,46, no 2013 foi de 63,56; polo tanto, un 25,62% menos.

Polo tanto, a popular rexeita o atrevemento do presidente provincial na análise dos datos provinciais, ao ter en conta algunha das cifras que se sustentan nos indicadores, a maiores de “atoparnos cunha administración provincial que non cumpre coas súas competencias e, especialmente, coa de cooperación e asistencia aos concellos”.

Exit mobile version