Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP cualifica o “relevo” do tenente de alcalde de Mondoñedo como de gran fraude ao electorado

Mondoñedo, 23 de maio de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo cualifica o “relevo” do tenente de alcalde da localidade, o socialista Modesto García, como de gran fraude ao electorado.

Os populares fan estas declaracións tras ter acceso á documentación das comisións informativas e á orde do día do pleno. Dende o PP explican que na sesión plenaria do xoves o equipo de goberno dará conta da dimisión ao cargo de concelleiro presentada por Modesto García; así como das renuncias anticipadas das persoas que ocuparon os postos 3, 4,5,6 e 7 na lista electoral que presentou o PSOE en Mondoñedo durante os últimos comicios municipais do 2011.

“Non lles chega con unirse dous perdedores para evitar que o gañador goberne”, matizan dende o PP; senón que ademais, “no caso de cambios, todo indica a que priman outros intereses e non o compromiso adquirido cos mindonienses e que queda patente no programa e na lista”.

Os populares explican que, non é fácil de xustificar que, previsiblemente ante a marcha do tenente de alcalde da localidade, ocupe o seu lugar a persoa que ía de oitava nunhas listas electorais; e para o que teñen que renunciar os membros que ían nos postos 3, 4, 5, 6, e 7.

Deste xeito, os populares analizan que a que todo parece indicar, segundo a documentación das comisións informativas, que será nova concelleira “foi colocada nun posto residual á hora de pedir a confianza do electorado, porén, cando toca ocupar unha dedicación exclusiva pasa ao posto terceiro da lista”.

O Partido Popular de Mondoñedo tamén quere agradecerlle os maiores éxitos ao compañeiro Modesto García, na súa nova etapa.

Exit mobile version