Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Mondoñedo pedirá neste pleno a creación dun ente que coordine a organización do Mercado Medieval

Mondoñedo, 24 de maio de 2014.- O pleno de Mondoñedo que se celebrará o próximo xoves debaterá a petición do Partido Popular unha moción na que se lle pide ao Concello que impulse a creación dunha entidade xurídica que permita coordinar a organización do Mercado Medieval.

Os populares consideran necesaria a constitución dunha entidade xurídica, (asociación, programa de voluntariado…) que dea solidez a esta festa local e que permita que os interesados podan prestar a súa acción voluntaria con todas as coberturas requiridas.

Todos os encontros que anualmente acolle Mondoñedo están organizados, en colaboración coas administracións, por cada súa entidade legalmente constituída. A excepción recóllea o Mercado Medieval que non conta cunha asociación ligada a súa organización.

Deste xeito, os populares reclaman a implicación do Concello como impulsor desta entidade e ofrecen todo o seu traballo para que se articule esta entidade que dará solidez ao encontro e permitirá que a xente organizadora poda prestar o seu traballo e que as administracións lle dean amparo.

Implicación da Xunta de Galicia
A Xunta de Galicia notificou ao Concello de Mondoñedo, o pasado 15 de maio por rexistro de entrada, -ao que tivo acceso o PP-, a concesión dunha axuda para contratar reforzo de persoal para a oficina de turismo durante os meses de verán.

Deste xeito, os populares agradecen esta involucración da Xunta de Galicia coa dinamización dunha das principais actividades da localidade e que permite reforzar o municipio como destino e aproveitar o seu enorme potencial.

Dende o PP agardan que non se repita a situación da pasada anualidade, na que o alcalde local, Orlando González, non foi quen de contratar ao novo empregado ata o mes de setembro, cando a subvención ía destinada aos meses de xullo, agosto e setembro.

“A falta de tempo non poderá volver a ser utilizada como escusa por Orlando González para xustificar a non contratación deste empregado durante todos os verán, ao ter xa constancia da concesión desta axuda”, matizaron os populares.

Este tipo de axudas concédense aos concellos declarados municipios turísticos para a contratación de persoas nas oficinas de turismo.

Exit mobile version