Cervo, 9 de maio de 2014- O Concello de Cervo deu hoxe a coñecer o programa complementario do XXXI Día do Xubilado que inclúe numerosas actividades de lecer. A primeira, Retrato cos avós, terá lugar este domingo, de 11 a 13:30 horas na Casa da Cultura. Este é o segundo ano no que o departamento de Servizos Sociais pon en marcha esta iniciativa a través da cal avós e netos sacarán unha fotografía xuntos que despois poderán levar para casa.
Outra das actividades é a recreación do programa Un, dous, tres e que neste caso estará dedicado a avós e netos, que conformarán as parellas de concursantes. A cita será o 23 de maio ás 20 horas no Auditorio da Casa da Cultura.
Tampouco faltan dentro do programa complementario as excursións. Nesta edición ofrecerase unha saída a Xixón, que terá lugar o 29 de maio e cuxo prazo de inscrición está aberto ata o 23 deste mes. Ademais, como é habitual nos últimos anos, haberá unha excursión á Semana Verde de Silleda o 12 de xuño. O prazo de inscrición para esta viaxe tamén está aberto, pero neste caso prolongarase ata o 7 de xuño. Poderán apuntarse na Casa da Cultura ou na Casa do Concello.
Con esta programación, o departamento de Servizos Sociais estende a súa homenaxe ás persoas maiores máis alá do Día do Xubilado co obxectivo de que “se manteñan activos ao longo de todo o ano e teñan diferentes opcións para encher o seu tempo libre”, asegura a edil, Pilar Armada. Da mesma maneira, lembra que tamén existen outras actividades durante o ano que están dirixidas este colectivo, como é o caso dos cursos de memoria ou da Escola de Maiores.