Site icon Crónica3.com A Mariña

O sábado 10 de maio comeza o noveno concurso gastronómico ‘Ribadeo de Tapeo’ no que participan 48 locais

070514 Foto Ribadeo de tapeo (1)Ribadeo, 7 de maio de 2014. Todo está listo en Ribadeo para a novena edición do concurso gastronómico Ribadeo de tapeo, que terá lugar do 10 ao 18 de maio en 48 locais hostaleiros da vila e das parroquias. O evento foi presentado este mércores no salón de plenos do Concello polo alcalde, Fernando Suárez, e pola concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo, Ana Martínez.

O rexedor dixo que “esta cita é o noso mellor escaparate gastronómico, un espazo onde compartir novas ideas e propostas da cociña en miniatura, un espazo onde fomentar a nosa cultura da tapa”. Unha das novidades desta edición será a tapa de Ribadeo “co obxectivo de promocionar os produtos da zona de calidade e de temporada”. O local gañador obterá coma premio unha campaña de marketing online para mellorar o posicionamento e marca do establecemento gañador nas redes, que está valorada en 400 euros.

O público será o encargado de votar á mellor barra e tamén á tapa do público. E ademáis poderá participar e gañar premios. Neste 2014 Ribadeo dividiuse en catro zonas diferentes para que as persoas que percorran algunha desas catro rutas poidan optar a levar agasallos, hai tamén a ruta tapeo 16 (para aquelas persoas que proben catro tapas de cada unha das catro rutas e consigan 16 ou máis selos) e a ruta exprés (para aqueles que decidan pernoctar en Ribadeo e disfrutar do concurso de tapas). Entre os agasallos aos que poden optar hai 625 euros en cheques regalo de 25 euros cada un de ACISA / CCA, hai packs de botellas de viño de Joaquín Rebolledo e de Deo Distribucións, cheques regalo para mercar na praza de abastos, agasallos de Marica da Berza, de Hola Ola ou de Sapagueira, así coma xantares na bodega de Joaquín Rebolledo e unha viaxe en avioneta por Ribadeo.

Suárez Barcia tamén animou á xente de fora “a achegarse a Ribadeo e a aproveitar os Sonos Gastronómicos: haberá un 15% de desconto nas pernoctacións e ademais os que se acollan a esta proposta poderán participar en actividades na praia das Catedrais, como padel surf, surf, ou bautismos de mar”.

O Concello, que organiza o Ribadeo de tapeo, conta co patrocinio da Área de Turismo da Deputación de Lugo e conta coa colaboración nesta edición de: ACISA/CCA, Marica da Berza, Sapagueira, Deo Distribucións, Bodega Joaquín Rebolledo, Asociación de Praceiros de Ribadeo, Hola Ola, Club Aéreo de Ribadeo, restaurante San Miguel de Ribadeo e restaurante Acio de Santiago de Compostela.

O Ribadeo de tapeo contará un ano máis cunha aplicación para móbiles, para as plataformas Android e IOS, máis áxil e máis dinámica desde a que se facilita a quen visita a zona a súa participación no concurso.

Na páxina web do Concello www.ribadeo.org pódese atopar toda a información sobre este evento gastronómico e sobre a programación cultural que se desenvolverá paralelamente ao longo dos vindeiros días.

Exit mobile version