Site icon Crónica3.com A Mariña

O Senador Varela presenta na Comisión de Xustiza do Senado oito mocións contra a supresión dos partidos xudiciais da provincia

LUGO, 28 DE MAIO DE 2014.- O senador por Lugo Ricardo Varela, ven de presentar ante a Comisión de Xustiza da Cámara do Senado una serie de mocións para solicitar ao Goberno central a retirada da proposta de supresión dos partidos xudiciais da provincia. Neste senso, presentáronse sendas mocións para cada un dos partidos xudiciais afectados: Chantada, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Sarria, Vilalba, Viveiro, A Fonsagrada e Becerreá.

A imposición do Goberno de Rajoy suporá o peche dos oito partidos xudiciais da provincia, concentrando a actividade xudicial na capital e alonxando aos cidadáns das diferentes comarcas do seu dereito a unha tutela xudicial efectiva e accesible.

O Goberno de Rajoy co respaldo da Xunta de Galicia, continúa na súa labor de alonxamento da cidadanía da Xustiza. Despois da promulgación da nova lei de taxas xudiciais, disuasorias pola súa contía e restritivas para as persoas con menos recursos, con esta nova medida de supresión dos partidos xudiciais incrementaranse os custos de desprazamento e, consecuentemente, a imposibilidade de acceder á xustiza para unha gran parte da poboación dos municipios da provincia. Segundo o novo modelo xudicial do Goberno, o 60% da poboación lucense quedaría a máis dunha hora do Xulgado de Lugo: dun total de 227.705 habitantes pertencentes ás circunscricións actuais, 137.465 estarán obrigados a facer este percorrido para poder chegar á capital.

Dende o principio o PSOE de Lugo asumiu o compromiso de promover unha serie de mobilizacións nos diferentes municipios implicados pola redución das circunscricións. O secretario provincial, González Santín, xa participou en varias concentracións e xuntanzas en Vilalba, Fonsagrada e Monforte co fin de coñecer, de primeira man, como repercute o proxecto do Goberno e que supón un novo recorte doutro servizo público para os veciños dos concellos das circunscricións afectadas.

O PSOE denuncia a visión elitista e discriminatoria da xustiza que está a defender o Ministro Gallardón, afastándoa das persoas. O Goberno do PP está a actuar contra o dereito constitucional de acceso á xustiza (art. 24 da Constitución Española) é un dos dereitos fundamentais que garanten todos os demais dereitos, xa que se non se pode acceder á xustiza, non hai dereitos.

Custo máis aló do xudicial
Todo isto supón unha perda de status xudicial para os concellos lucenses nos que se sitúan actualmente os partidos xudiciais. A perda das demarcacións xudiciais supón unha contradición coa realidade social, xa que afasta a xustiza da cidadanía e dos lugares onde se concentran as actividades económicas e laborais.

A medida do Goberno ten, ademais, ten un custe social e económico para as comarcas nas que se sitúan os partidos xudiciais, pois provocará un aumento do despoboamento, xa que funcionarios, xuíces, avogados, procuradores…. veranse obrigados a desprazarse a Lugo. Polo tanto, é unha medida que vai en sentido contrario ás políticas de loita contra o despoboamento rural e cotra a caída demográfica.

Custo de implantación

O novo planteamento suporá un investimento inxente para adecuar os edificios das cidades onde se estableza a cabeceira de partido, así como aumentar as dietas dos forenses, policías, gardas civís, etc. Por este motivo, os socialistas da provincia consideran que este proxecto é caro para o sistema e discriminatorio para os habitantes dos pobos; lonxe de abaratar, xera máis custos.

Exit mobile version