Site icon Crónica3.com A Mariña

O teatro de Árdora e o fotocol de “Gústame o galego” animarán a festa das Letras Galegas de Fraga das Saímas

Santo André de Boimente, 2 de maio de 2014.- A Directiva Fraga das Saímas anima a todas as súas sócias, familiares, veciños e amigos a conmemorar o Día das Letras Galegas 2014 coa súa participación na Festa das Letras Galegas que celebrará o colectivo feminino o vindeiro sábado, 10 de maio no Centro Socio-Cultural de Santo André de Boimente a partires das 18.00 horas.

As persoas que queiran asistir a esta celebración disfrutarán como nunca do Teatro das mulleres de Árdora que nos representarán a peza teatral do profesor Francisco Piñeiro, “Xustiza de Lei” e ademais poderán fotografarse no Fotocol de “Gustame o Galego”, sumándose así a esta campaña de apoio á lingua galega da Coordinadora de Técnicos de Normalización Lingüística (CTNL) gañadora do premio “Xoan Manuel Pintos-2013”, xunto con outros milleiros de persoas, que veñen sumándose ao longo de toda a nosa xeografía.

Todos os que desexen achegarse ata o Centro Socio-Cultural de Santo André de Boimente o 10 de maio tan só teñen que chamar as organizadoras, ou mandarlles unha mensaxe ao correo electrónico ou ao facebook da entidade para así poder reservarlles unha entrada de balde. E como o aforo é limitado a Directiva recomenda a todas as persoas interesadas apuntarse canto antes se queren gozar dunha tarde única e memorable.

Exit mobile version