Site icon Crónica3.com A Mariña

O único que lle molesta ó BNG son as mentiras do SERGAS e do “conseguidor fracasado” Balseiro que prometen e nunca cumpren o prometido co Hospital da Costa

A Mariña, 7 de maio de 2014. O BNG desvela a dimisión do Subdirector Director médico do Hospital da Costa e pide explicacións polos motivos deste cese nas responsabilidades que asumía no cadro directivo do hospital mariñao. A fronte nacionalista sospeita que detrás deste cese está o malestar deste directivo coa xerencia provincial de Lugo á que ademais acusan de ter paralizada a nova sala de endoscopias anunciada no pasado mes de novembro e que sigue sen estar operativa. Lembran desde o BNG que este anuncio veu como resposta á denuncia da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña que en novembro alertou do traslado masivo de doentes de Burela a Lugo para facer este tipo de probas polo colapso existente en Burela.

AO MALESTAR DO PERSOAL SANITARIO DE BURELA COA XERENCIA PROVINCIAL PODERÍA SUMARSE AGORA O DE CADROS DIRECTIVOS COMO O DO SUBDIRECTOR MÉDICO QUE DIMITE DO SEU CARGO
O BNG pide explicacións pola dimisión do Subdirector médico do Hospital da Costa de Burela que cesou das súas funcións xa oficialmente e sería, xunto co Director de Recursos Económicos de Monforte e o anterior Director do Hospital da Costa, o terceiro directivo que dimite dende a entrada en vigor da Área de Xestión Integrada con dirección en Lugo. Sospeitan dende as filas nacionalistas, que podería vir motivada polas tensións existentes entre o cadro directivo de Burela coa xerencia provincial, o mesmo motivo que levou ao cadro monfortino a dimitir do seu cargo fai escasas semanas.

Para a fronte nacionalista esta situación de malestar ven a sumarse á dunha parte importante do persoal sanitario de Burela que a pesar dos seus esforzos por ofrecer os mellores servizos, non contan co apoio en recursos de persoal, loxísticos e competenciais da xerencia provincial de Lugo, empeñada en recortar e degradar a calidade asistencial na área sanitaria mariñá “ao encetar un camiño absolutamente contrario ao anunciada polo SERGAS coa aprobación do decreto de xestión integrada que pasaba por ampliar carteira de servizos e competencias para a xerencia comarcal que non se está producindo”.

A SEGUNDA SALA DE ENDOSCOPIAS SEGUE PARALIZADA SETE MESES DESPOIS DE ANUNCIAR A SÚA APERTURA POR FALTA DE PERSOAL E EQUIPAMENTOS
Dende o BNG tamén piden á dirección do SERGAS que aclare os motivos do atraso na posta en funcionamento da segunda sala de endoscopias anunciada dende fai sete meses para paliar os constantes traslados de doentes dende a Mariña a Lugo para someterse a estas probas.

Denuncian que unha vez mais a xerencia provincial podería estar paralizando, “por non dotar de persoal”, a posta en marcha dun servizo que o propio SERGAS anunciou como inminente o pasado mes de febreiro e continúa sen actividade a pesar de terse habilitado unha sala para o seu funcionamento no hospital. Os nacionalistas tamén poñen en cuestión a dotación de equipos anunciada polo SERGAS o pasado 28 de febreiro, que poderían non estar aínda fisicamente en Burela e afirman con contundencia que a sala que si foi liberada e habilitada para este servizo segue pechada sen actividade ningunha.

AS PREOCUPACIÓNS DO BNG SON AS DA XENTE, AS DE BALSEIRO SON TAPAR CON PROPAGANDA A DESFEITA DO PP COA SANIDADE PÚBLICA
En relación ás declaracións do parlamentario popular, José Manuel Balseiro, pouco queda por engadir deste “conseguidor fracasado que acaba sendo vítima das súas propias mentiras”. É público e notorio o seu gusto por meterse en lameiras das que despois non sabe saír. Sinalan que para encher actos do BNG “non nos fai falla botar man de alcaldes pedáneos de Cervo e amigos como fixo o sr. Balseiro a pasada semana nun acto con Alfonso Rueda”

O que lle preocupa ao BNG son os incumprimentos do SERGAS e o Partido Popular coa nosa comarca, en concreto fixeron mención á indignación de moita xente da Mariña que ve como día a día vanse perdendo persoal e capacidade resolutiva nos servizos sanitarios na comarca que unicamente se salvan grazas ao esforzo das e dos profesionais. Nesta liña fan mención aos copagos, á perda de dereitos asistenciais das persoas con menos recursos, ou á constante perda de servizos dende a aprobación do decreto de xestión integrada provincial a partir do cal reducíronse facultativos en varios centros de saúde, aos cada vez mais asiduos traslados de doentes a Lugo, e ás promesas sobre ampliación do Hospital da Costa, servizo de quimioterapia ou a nova sala de endoscopias prometidas que de momento so son promesas e propaganda sen concreción real.

Exit mobile version