Site icon Crónica3.com A Mariña

Os recortes na sanidade da Mariña

Somos pais, nais e titores de fillos, fillas e familiares con discapacidade e dependentes.

Habitualmente estas persoas recibían terapias de fisioterapia e logopedia prescritas no seu día para a recuperación, mellora e mantemento persoal. As citadas sesións realizábanse en clínicas concertadas polo Sergas. Digo que se realizaban -en pasado-, porque dun día para outro deixaron de facerse. A través da clínica a onde acudimos comunicóusenos que non volvamos mais, que as sesión de rehabilitación e logopedia remataron. Así sen máis: “mañá non veñas, acabouse a terapia, falará con vós a rehabilitadora”.

Primeiro bótante e despois din que che han explicar. O mundo ao revés. Non esquezamos que son persoas con discapacidade que a administración recoñeceu. Son persoas que necesitan de terapias que lles melloren a calidade de vida e, sobre todo, a súa saúde ou ao menos que non a empeoren.

Mais os nosos rexedores non entenden de saúde. Entenden de estatísticas, de números fríos que os ordenadores lles dan. E eles fan todo o posible por cumprilos a costa de desfacer saúdes e de complicarlle a vida ás familias que os puxeron neses postos desde os que nos desgobernan.

Que pouca humanidade teñen vostedes, señores gobernantes!

Reflexionen: ¿cantas sesións de terapias se poden realizar só co custo dun acto inaugural, cuxa única finalidade é sacar a foto para saír na prensa? Empreguen eses recursos para atender a quen os necesita e, desde que o fagan, publíqueno. Iso sí sería administrar con coherencia. Tan só é un exemplo. Recorten vostedes os seus privilexios.

Asociación Camiña –
Por que non se conforman con cantidades razoables como contrapartida polo seu traballo e por cumprir coas súas obrigas? Non foron elexidos para recortar en saúde: están aí para administrar os bens públicos que son dos seus veciños e de vostedes mesmos, que forman parte do pobo.

Os gobernantes son inmunes á enfermidade? Reflexionen, por favor. Recordámoslles que as terapias que reciben as persoas dependentes a longo prazo aforran cartos. Sen elas, a saúde verase afectada e en consecuencia teremos máis gasto noutro tipo de atencións (por exemplo as hospitalarias). Previr é curar: ¿non se acordan
do dito?

Como responsables destas persoas, pedimos aos nosos dirixentes que lles presten atención e que dispoñan recursos para o ben máis importante que temos os humanos. A SAÚDE É VIDA.

Recorden: para os ordenadores son números; mais detrás dun número hai unha persoa e unha persoa é unha vida, un sentimento, un sufrimento.

Señores, primeiro humanidade e solidaridade; despois o demais.

Exit mobile version