Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas acusan ao goberno galego de “ignorar” ó sector do cerco afectado polas novas restricións á pesca de sardiña

Santiago de Compostela, 16 de maio de 14. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, acusou este venres ao goberno galego de ter “esquecidas” ás 154 embarcacións do sector de cerco que pescan sardiña. Así o dixo logo de que o PP rexeitara no Parlamento unha proposición non de Lei socialista para consensuar a posición de Galicia diante das novas restricións impostas no plan de xestión desta especie.

Val considerou incomprensible a posición do PP, que “ignora” a un sector que rexeita que de novo se aplique un reparto en base a criterios históricos que prexudicarían á flota galega igual que sucedeu coa xarda e o xurelo. Considera que as demandas presentadas pola flota resultan “clave para que non nos colen outro gol”, mentres o desinterese demostrado pola Xunta provocou a perda de 5.000 traballadores e traballadoras dende 2009.

Lamentou que tanto o PP como o goberno galego non rexeiten claramente un sistema que de manterse tal e como está na proposta prexudicará claramente á flota galega, que verá reducidas as súas capturas nun 60 por cento.

Explicou que de acordo co Plan de xestión da sardiña anunciado polo goberno galego establece que cando o stock de sardiña sexa inferior a 135.000 toneladas pecharanse as pesquerías. Sen embargo, cando sexa superior establecen un máximo de 86.000 toneladas a repartir entre Portugal e España, e o que fique para o Estado será á súa vez repartido entre tódalas comunidades autónomas.

Plan de estudo
José Ramón Val lamentou que o PP mesmo se teña oposto a demandarlle ao goberno central un estudo científico “que sirva para establecer as causas da perda de biomasa no stock de sardiña en augas ibéricas”.

Considerou fundamental establecer as causas da caída desta especie, “para determinar o impacto do aumento de especies voraces como a xarda, que poderían estar acabando cos alevíns de sardiña”. Esta situación derivaría precisamente do aumento das restricións na pesca de xarda, que provocaría o aumento desta especie e polo tanto a caída das reservas de sardiña.

Exit mobile version