Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Cervo non entenden a relación entre a implicación do goberno coa ACIA e a celebración ou supresión de festas e eventos

CERVO, 29 DE MAIO. Tralas declaracións do equipo de goberno sobre a implicación ou non do mesmo coa ACIA, os socialistas insisten en “que a Asociación de Comerciantes Industriais e Autónomos reciba 700 euros non o dice o Partido Socialista de Cervo, o dixo o Partido Popular o día en que aprobou os orzamentos para este ano 2014”.

Dende o GMS lembran que “xa no debate presupostario incidiamos na importancia de que ampliasen a partida adicada á ACIA, fixeron caso omiso”.

Califican de “incrible a xustificación do goberno. Non se nos pasaría nunca pola cabeza, que unha maior implicación coa ACIA iría en detrimento da celebración de eventos con afincada tradición como a Festa do Ourizo, que xa vai pola vixésimo terceira edición. Cremos que un asunto non ten nada que ver co outro”.

Os socialistas subliñan de novo que “o noso Concello é o único da comarca que non se dá conta da importancia que ten o noso comercio na dinamización da nosa economía. Burela acaba de anunciar unha subvención de 18.000 euros para a sua Asociación de Comerciantes e por iso non deixa de celebrar a Festa do Bonito, Viveiro segue apoiando incondicionalmente o seu Casco Histórico, e non deixa de organizar eventos como o Resurrection, O Vicedo acaba de avalar a nova Directiva, Xove… e poderíamos seguir falando de todos e poñendo exemplos de cada un”.

Rematan pedíndolle ó goberno do PP que “ademais de seguir traballando para a celebración das festas xa afincadas e das de nova creación que se poidan implantar do noso municipio, colabore de forma directa coa ACIA tanto económicamente como aportando na medida que sexa posible recursos materiais e humanos”.

Web non actualizada

Os membros do PSOE de Cervo recordan que “todos estes datos dos que estamos a falar poderían ser corroborados por todos os veciños na web se o Concello fixera o seu traballo e cumplira coa súa obriga de dar publicidade ás actas públicas dos plenos ou Xuntas de Goberno. Leva sen actualizar esta información dende o ano 2008, dende hai seis anos. Iso sí, pagamos 1.900 euros cada mes a unha persoa para que faga os traballos de mantemento e actualización da páxina web. Incomprensible e inadmitible”.

Exit mobile version