BARREIROS, 9 DE MAIO DE 2014.- O PSOE de Barreiros denuncia que o Alcalde da localidade da Mariña lucense ven de secuestrar a Democracia ao non habilitar ningún lugar apropiado para a pegada de carteis en todo o Concello. Este xoves, arrancou a campaña das eleccións europeas, que se celebrarán o vindeiro 25 de maio, e ás que concorre como candidato o lucense José Blanco, sen que os socialistas, nin outros partidos, puideran realizar a tradicional pegada de carteis.
Barreiros, a provincia de Lugo, Galicia e o noso país, non se merece un goberno que ataca á Democracia, xa que en definitiva, ataca á soberanía do pobo que debe elixir aos seus representantes mediante eleccións libres. O PSOE mariñano non pode deixar pasar este ataque do Alcalde Popular, sen poñer en coñecemento de todos o pouco respecto que amosa pola Democracia.
A pesar das trabas ocasionadas polo Goberno Local, os membros do PSOE de Barreiros saíron á rúa e realizaron a súa “pegada” suxeitando, coas súas propias mans, os carteis da candidatura socialista.