Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedro Merino lidera a primeira etapa da VII Volta ás Comarcas de Lugo

rIMG_6600Lourenzá, 30 de maio de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, foi o encargado de entregar os premios da primeira etapa da VII Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo, xunto co presidente do Club Ciclista Cidade de Lugo e autoridades locais. A proba está organizada pola institución provincial en colaboración co Club Ciclista Cidade de Lugo, e esta primeira etapa transcorreu pola comarca da Mariña.

Esta primeira etapa, de 138,7 quilómetros, con saída e chegada no centro de Vilanova de Lourenzá, tamén percorreu os concellos de Alfoz, con meta volante, Cervo, con sprint especial en San Cibrao, Barreiros, tamén con meta volante, Ribadeo, onde se disputou outro sprint especial, e Trabada.

Pedro Merino Criado, do Supermercados Froiz, proclamouse campión desta fase, e líder provisional da Volta. Francisco Cantero Gómez, do Andalucía Ciclismo, converteuse no líder de Montaña, mentres que o mellor ciclista galego foi José Luis Merino, do Supermercados Froiz, e o mellor sub23 foi Israel Nuño Argüelles, do Gomur Cantabria Deporte.

A VII Volta ás Comarcas, na que participan 16 equipos de ámbito nacional e estatal, desenvólvese durante toda esta fin de semana en tres etapas distintas. Mañá, sábado, 31 de maio, disputarase a segunda estapa, con saída e chegada na cidade de Lugo e cun percorrido de 142,2 quilómitros, mentres que a última fase terá lugar, o domingo 1 de xuño, na zona Sur, con saída e chegada en Pobra de Brollón, con 140 quilómetros de traxecto.

A área de Deporte da Deputación de Lugo puxo en marcha hai xa sete anos a Volta Ciclista ás Comarcas Lucenses, unha proba que, a día de hoxe, logrou asentarse no panorama nacional do ciclismo e avanza un chanzo máis no conxunto de probas do Estado español, nunha época na que competicións deste tipo están claramente en recesión debido ao mal momento económico que atravesa o deporte en xeral e o ciclismo en particular.

Exit mobile version