Site icon Crónica3.com A Mariña

Práctica antidemocrática

Existe unha marcada diferenza entre o que se pode catalogar como liberdade de expresión e o que cualificamos como práctica antidemocrática e covarde. Unha pintada baixo a frase de “Tiro en la nuca a cada pepero”, como a que apareceu na madrugada do mércores debuxada sobre un muro en Ribadeo, dende logo que non se pode considerar como un acto digno dunha opinión libre.

Estamos ante un exemplo de violencia urbana, de expresión ameazante, que inclusive incita á violencia. Non se pode confundir tolerancia con permisividade absoluta ante expresións que chegan a estimular atropelos contra a liberdade. Este é un aspecto que dende o Partido Popular de Ribadeo temos claro, polo que en todo momento manifestamos o rexeitamento, con total rotundidade, ante tales prácticas e independentemente do partido político ao que se refiran.

Ante este suposto que compartimos, non chego a entender a desidia do equipo de goberno do Concello de Ribadeo. Xa non só non amosou a súa condena pública ante esta acción, senón que tamén se nega a realizar os traballos de limpeza do muro sobre o que se fixo a pintada.

As administracións públicas deben marcar o exemplo de unidade e repulsa contra este tipo de mostras. Toda unidade contra esa acción, é mostra de repulsa. A actitude que está a tomar tanto o BNG, como o PSOE e UPRI en Ribadeo non son o mellor exemplo de cohesión.

Non só se bota en falta unha condena explícita do alcalde, que nesta condición antepón o seu partidismo e esquécese que goberna e representa a todos os ribadenses, con independencia da súa ideoloxía, senón que a maiores non chegamos a entender que o Concello negue a limpeza desta pintada. Estamos ante unha mostra de práctica antidemocrática do Sr. Suárez Barcia.

Jesús López Penabad
Presidente do Partido Popular de Ribadeo

Exit mobile version