Estas xornadas celébranse dende o 12 ao 18 de maio, rematan coa celebración do Día das Letras Galegas e da Noite dos Museos -sábado, 17 de maio- e do Día Internacional dos Museos -domingo, 18 de maio-, e desenvólvense baixo o lema “Os vínculos creados polas coleccións dos museos”, resaltando o papel dos museos e das súas coleccións para crear un nexo coa comunidade a través da memoria colectiva.
Dentro destas actividades, desenvólvese a “Noite dos museos”, organizada no marco do proxecto da área de Cultura da Deputación de Lugo “Maio de Lingua”, baixo o lema “Noites de lume, contos e medo”, en colaboración coa Asociación Cultural Lusco Fusco e que terá lugar o sábado, 17 de maio, a partires das 22 horas, nos Xardíns do Museo de Lugo.
Segundo explicou Mario Outeiro, “nesta edición, o programa realizouse coa participación de máis de 150 persoas, a través dos clubs da Rede e de varios grupos sociais, nun intento de facer museos comunitarios, imbricados coa sociedade e para todos. Dentro de esta semana, na que tamén celebramos o Día das Letras Galegas e a Noite dos Museos, teremos un amplo e variado programa de actividades repartidas polos catro museos que integran a Rede Museística da Deputación de Lugo, atendendo as diferentes idades”.
Dentro das actividades programadas, está prevista a presentación Club Ei!, que vén complementar, neste caso para a xente moza, as propostas do resto de clubs que xa están funcionando na Rede como é o caso do Club Pequeamig@s e do Club Sénior.
O Club Ei! continuará coas súas actividades máis alá desta Semana dos Museos 2014, con diferentes actividades arredor de temas como o cinema, creación audiovisual, fotografía e obradoiros de deseño de tatuaxes e lettering, ou charlas de novos creadores tanto lucenses como do resto do país.