Site icon Crónica3.com A Mariña

Representantes da Xunta, organizacións agrarias e cazadores manteñen unha reunión de coordinación sobre os danos causados polos xabarís

Lugo, 23 de maio de 2014. A Delegación Territorial da Xunta en Lugo foi escenario este venres dunha reunión de coordinación entre a Administración autonómica, organizacións agrarias e asociacións de cazadores para analizar e traballar conxuntamente en aras a intentar reducir as incidencias provocadas polos xabarís.

O encontro tivo como obxectivo coordinar, mellorar e axilizar o control dos problemas que depara no ámbito agrícola esta especie. Deste xeito, sobre a mesa expuxéronse diversas propostas de medidas que permitisen reducilos danos durante a campaña da sementeira do millo desta época do ano.

Así mesmo, establecéronse protocolos de actuación unificados e coordinados entre labregos, cazadores e o Servizo de Conservación da Natureza que permitan organizar e realizar o control e captura dos exemplares que produzan os danos coa maior brevidade posible.

Do mesmo xeito, acordouse nesta reunión enviar comunicación a todos os tecores da provincia, solicitándolles que teñan un grupo de cazadores dispostos a facer esperas nocturnas unha vez que se detecten os danos, seguindo as directrices da normativa de caza.

Ademais, cada tecor terá que nomear a un representante para recibir as chamadas dos agricultores que teñan danos a causa deste animal, de xeito que se poida acelerar a comunicación dos mesmos do modo máis áxil.

Á reunión asistiu a delegada territorial, Raquel Arias, así como o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Delegación Territorial de Lugo, Carlos Vila, a xefa do servizo de Conservación da Natureza, Eugenia Gasalla, e un técnico da sección de Caza. Na xuntanza estiveron presentes tamén sindicatos agrarios (Xóvenes Agricultores, Sindicato Labrego Galego e Unións Agrarias), así como os presidentes da Federación de Caza de Lugo e da Asociación de Cazadores de Lugo, un representante da Unión de Tecores de Galicia (Unitega) e un representante do tecor de caza de Ribadeo.

Exit mobile version