Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Ribadeo a debate. Visións de Ribadeo’ chega ó final o 30 de maio

A falta da última charla do ciclo ‘Ribadeo a Debate. Visións de Ribadeo’, que será na Casa do Mar o próximo venres 30 de maio ás oito da tarde a cargo de D. José Ramón Rodríguez-Sabugo Fernández, secretario do concello durante moitos anos e coñecedor da vida ribadense, dende a AVV O Tesón fan un pequeno resume do que está a ser o ciclo.

A primeira charla, a cargo de Xosé Carlos Rodríguez Rañón, co tema ‘Ribadeo visto desde fóra por un de dentro’, o poñente desenvolveu a visión do Ribadeo como ‘lugar onde sempre se volve’, dende o factor humano, sen caer en intimismos pero destapando o que se podería chamar alma ou esencia ribadense e contrapoñéndoa coas cousas superficiais que pode observar un recén chegado. Mantívose despois unha animada rolda de intervencións.

A segunda semana, Chemi Lombardero Rico falou sobre ‘Ribadeo; un porto, un hinterland, dúas comunidades’, desenvolvendo diante dos asistentes a historia completa do porto de Ribadeo e a imbricación da ría non só en Ribadeo, senón nas relacións coa contorna. A partir de aí, o desenvolvemento e aspiracións do pobo en cada época eran evidentes. Na quenda de preguntas desenvolveuse un intercambio sobre diversos aspectos relacionados que puideran influír no Ribadeo do futuro.

A terceira charla e última ata o momento, foi a cargo de Víctor Moro Rodríguez, fillo predilecto de Ribadeo. Nela pasou revista á economía e sociedade ribadense dende a época de Antonio Raimundo Ibáñez ata os nosos días. Imbricou diversos feitos no desenvolvemento xeral e rematou por pedir un plan de acción conxunto, levado a cabo pola unión do pobo de Ribadeo a traverso de asociacións e partidos para que Ribadeo recobre o pulso económico e social que mantivo boa parte da súa historia.

A AVV valora moi positivamente o desenvolvemento ata o momento das xornadas. Esperamos que o debater sobre Ribadeo en público, como se está a facer neste ciclo no que cada conferenciante presta a súa visión ó conxunto, redunde nunha mellor comprensión dos problemas da nosa vila e da planificación para un mellor futuro común.

Exit mobile version