Ribadeo, 14 de maio de 2014. Ribadeo acollerá o vindeiro venres, 16 de maio, de seis a nove da tarde un obradoiro de cociña Á beira do mar. Trátase dunha das actividades enmarcadas no programa do Ribadeo de tapeo. O obxectivo pasa pola divulgación gastronómica dos produtos das lonxas locais. Manipulado, cociñado e aporte nutricional dos peixes.
O encargado de impartir o obradoiro será Suso Liste, cociñeiro e mestre da Escola de Hostalería de Foz. Segundo explican desde ACISA “Suso Liste será o encargado de ensinarnos como limpar e cociñar o peixe e outra persoa explicará o seu aporte nutricional, o estudo económico para mirar de rentabilizar as nosas comidas aproveitando os recursos da nosa zona e as tempadas, vendo os soportes elixidos e facendo algunha reseña histórica no seu caso”.
E engaden que os asistentes verán “como se limpa o peixe, como racionar un peixe para saber o rendemento, como cociñar o peixe, tanto en formato rápido como mais pousado, aproveitando o mesmo para sopas e fumets”.
O obradoiro de cociña Á beira do mar, que se impartirá na praza de abastos, está organizado por ACISA, A Mariña Federación e o Grupo de Acción Costeira 1 A Mariña-Ortegal.