Site icon Crónica3.com A Mariña

UCGAL considera que as propostas comerciais e a publicidade empregada polos operadores do mercado eléctrico poden levar a engano ao consumidor

Con motivo da inminente aplicación do novo sistema para determinación do prezo horario ao pequeno consumidor de electricidade, UCGAL quere advertir de que as técnicas comerciais que se están a empregar por parte de operadores eléctricos na comercialización de contratos no mercado libre de electricidade estanse a facer baixo a formulación de expresións que poden inducir a erro ao consumidor.

Estas técnicas están a incidir en aspectos como que o usuario non pode coñecer con antelación o prezo da electricidade, cuestión que non é correcta xa que Red Eléctrica publica diariamente o prezo que a electricidade terá nas 24 horas do día seguinte ademais de facilitar a información sobre o prezo que tivo en cada un dos días anteriores (hoxe xa se pode coñecer como mínimo desde o día 1 de abril de 2014).

Leva a engano a publicidade cando se omite o prezo que ten a electricidade segundo o novo sistema de prezos horarios, e sen embargo se facilita o prezo que ofrece o operador no mercado libre. De incluírse aquela información, cando menos respecto dos datos dispoñibles, o usuario sabería que desde o 1 de abril ao 23 de maio o prezo do kWh foi de pouco máis de 10 céntimos (na tarifa xeral) cando as ofertas do mercado libre adoitan moverse por riba dos 12 céntimos (tamén na tarifa xeral).

Ademais chéganse a utilizar simulacións do que tería costado a electricidade no ano 2013 cun sistema que non se aplicaba daquela e que se baseaba precisamente nun sistema de poxas que quedou descartado pola súa falta de transparencia. Estas simulacións, que ademais exhiben prezos por MWh ou 1.000 kWh, poden facer crer ao usuario que o prezo que podería acadar hoxe a electricidade no mercado diario chegaría a importes superiores ao dobre do que tivo durante todo o que vai de ano 2014, cando a realidade é que non chegou a superar os 11 céntimos de media desde o día 1 de abril.

Unión de Consumidores de Galicia considera que manterse no PVPC aínda coas variacións horarias é unha boa alternativa en canto ao prezo que finalmente pagará o usuario ademais de que manterse nela non supón a obriga de facer ningún trámite. Para aqueles que no seu momento marcharon ao mercado libre lles recomenda comprobar o aforro que poderían obter se deciden volver ao mercado regulado, un dereito que teñen en todo caso logo de transcorrido un ano desde que marcharan ao mercado libre.

A segunda das opcións que ten o usuario, acollerse a un prezo fixo anual ofrecido por parte das comercializadoras de referencia suporía pagar importes próximos ou superiores aos 14 céntimos (na tarifa xeral).

A terceira opción, contratar no mercado libre, suporá con independencia do prezo que lle ofrezan ao usuario, unha perda significativa dos dereitos que a normativa recoñece aos usuarios acollidos ao mercado regulado así como o risco de que lle obriguen a contratar servizos accesorios, lle apliquen penalizacións ou se vexa obrigado a facer todos os trámites por internet se quere que se manteñan as condicións ofertadas.

Exit mobile version