Site icon Crónica3.com A Mariña

Un grupo de escolares do Centro de Educación Especial Santa María de Lugo, “mariñeiros por un día” no porto de Celeiro

220514 Arias acompaña aos alumnos do CEE Santa María na súa visita a Celeiro dentro do programa Mariñeiros por un díaViveiro, 22 de maio de 2014.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, desprazouse hoxe ao porto de Celeiro para participar xunto cun grupo de 25 alumnos do Centro de Educación Especial (CEE) Santa María, de Lugo, nunha xornada do programa Mariñeiros por un día. O programa neste ano, que cumpre a súa segunda edición, conseguiu achegar ata o momento a máis de 200 escolares da provincia lucense á actividade pesqueira que se desenvolve neste peirao de Viveiro.

A delegada territorial destacou o dobre obxectivo da campaña xa que, “á vez que divulga a cultura e os costumes propios dunha das actividades económicas máis importantes da Mariña, como é a pesca, da a coñecer as principais especies comercializadas nesta comarca e todo o proceso que hai detrás da posta á venda dos produtos pesqueiros”.

A máxima representante do Executivo galego na provincia recordou que esta iniciativa está aberta á participación de todos aqueles centros que o soliciten. Cómpre lembrar que na primeira edición do programa participaron 700 estudantes de toda a provincia.

Neste sentido, felicitou ao centro educativo lucense, dende o que se desprazaron tamén unha ducia de membros do corpo de persoal para participar na actividade, e estivo coas rapazas e rapaces na visita guiada á aula da confraría, na que os escolares puideron coñecer varias especies pesqueiras, artes de pesca e nós mariñeiros

Arias significou que o programa de actividades que se desenvolve en Celeiro “resulta completo para os rapaces”, xa que na mesma visita poden coñecer o proceso de subasta na lonxa, a equipación dun barco, con toda a súa carga tecnolóxica (sonar, radar, GPS, sonda…) e mesmo poden ver o operativo de salvamento que ten base no peirao celeirense co helicóptero Pesca-II.

A delegada da Xunta subliñou tamén “o alcance desta campaña”, e apuntou que a idea “é ir achegando aos rapaces do interior as características e a transcendencia do sector pesqueiro, que posúe gran relevancia socioeconómica na comunidade, e en especial, nesta comarca de Lugo”.

Colaboración
O proxecto está impulsado pola Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Celeiro e a Real Liga Naval Española e Porto de Celeiro, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e vai dirixido a alumnos do último ciclo de Primaria e os primeiros cursos de Secundaria. Arias gabou aos tres entes que impulsaron este programa en colaboración coa Consellería, porque se trata “dunha iniciativa que promove o acercamento a usos e costumes que forman parte da cultura e da sociedade desta zona”.

O programa está patrocinado polo Grupo de Acción Costeira, La Caixa e máis o restaurante Louzao.

Exit mobile version