Quizáis sexa mellor enfocalo doutro xeito: Paseando do centro de Ribadeo cara ó oeste, deixamos atrás San Roque, e, na Virxe do Camiño, o verde comeza a expandirse no Xardín. O Xardín de Sela, en referenza á casona que alí hai. Aí se fixo o ‘Parque de indianos’, coa súa fonte das rás e o resto, en parte ocupando o terreo con algo que xa é matoxo, en parte con retrete libre dos cans…
Ó norte da zona, o xardín ábrese moito máis lentamente, pero chega a unha extensión de herba. Aí, no extremo, na parte máis ancha, había unha terraza. Abandoouse, e agora estase a repoñer. Pero parece que cambiaron as condicións: de chan de madeira sobre a herba estase a pasar a unha construción con base de formigón enferrado que non ten que envidiar ás dunha casa, ben chantada en terreo municipal. Fíxose un foxo, ben dispostiño e logo encheuse con vigas de ferro e botouse o formigón, sobresaíndo do nivel da herba do arredor.
A terraza é de supoñer que quede chula e apetecible para tomar algo nela, nestes momentos non se ve cal pode ser o acabado. Pero, que normativa, que control permete meter unha base así no medio dun xardín que era público, municipal, de todos? Consérvase así o público? Máis ben o que parece é algo menos de xardín, algo menos de público.
Estamos equivocados? Alguén pode explicalo?
AVV O Tesón