Site icon Crónica3.com A Mariña

A alcaldía de Viveiro fai aclaracións sobre a contratación de socorristas para o verán

Viveiro, 19 de xuño de 2014.- A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, fai as seguintes declaracións sobre a contratación de socorristas para o verán:

Ante as noticias aparecidas no día de hoxe, nas edicións locais dos medios de comunicación, relativas á contratación de socorristas para a temporada estival, esta alcaldía desexa realizar as seguintes aclaracións:

No Diario Oficial de Galicia, de 30 de maio de 2014, publicouse a Orde do 22 de maio de 2014 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2014, mediante a cal se xestionan axudas para a contratación de socorristas e na que se establece que o prazo para solicitar esta axuda remata o 30 de xuño de 2014.

Cómpre sinalar, en primeiro lugar, que esta orde viña sendo publicada a principios de ano e, consecuentemente, en anos anteriores, a estas alturas do ano, xa estaría todo presentado; dáse conta das datas de publicación da orde en edicións pasadas:

Ano 2013: Orde do 3 de maio de 2013.
Ano 2012: Orde do 29 de febreiro de 2012.
Ano 2011: Orde do 30 de decembro de 2010.
Ano 2010: Orde do 19 de febreiro de 2010.

Como se pode observar, as ordes viñan sendo publicadas con antelación suficiente con respecto á temporada estival; pola contra, este ano a orde foi publicada o venres 30 de maio, rematando o prazo para as solicitudes o 30 de xuño, polo que a Consellería nos obriga publicamente a remitir a solicitude antes de rematar o prazo, por que non a publicou en tempo e forma? Así e todo, tras a publicación da orde e despois de estudar as axudas ás que se podía optar, na Xunta de Goberno Local de data 12 de xuño de 2014 acordouse solicitar esta axuda, estando previsto que toda a documentación se remita entre mañá e o vindeiro luns.

Considero que se podería falar de moitas cousas con respecto ás declaracións realizadas pola xefa territorial no día de onte sobre este tema, pero o que para min é realmente importante e o que realmente debería ser noticia é o financiamento existente para os plans de cooperación para as entidades locais nos tres últimos anos:

Ano 2012: 45.132.082 €.
Ano 2013: 8.600.000 €.
Anto 2014: 1.000.000 €

Esta orde, que pretede a “mellora de empregabilidade” –como sinala no seu título-, unicamente dispón de 1.000.000 de euros para toda Galicia, polo que considero que a esixencia de que a documentación se presente antes de prazo é unha cortina de fume para desviar a atención do que realmente importa, o considerable diminución no financiamento do programa.

En canto á obrigatoriedade de ter xustificada a axuda do ano anterior, hai que aclarar que esta é unha novidade, con respecto ás anteriores, da orde de 2014, antes non se esixía; con todo, os servizos técnicos xa remitiron a xustificación á delegación de Lugo. Ademais, na orde non se regula cal é a data para pedir a axuda anticipada.

Finalmente, ante a alarma social que pode crearse ante as noticias publicadas no día de hoxe, debo confirmar que Viveiro solicitará, en tempo e forma, a axuda para a contratación de 6 socorristas que garantirán a seguridade nos nosos areais.

Exit mobile version