Site icon Crónica3.com A Mariña

A Área de Cultura da Deputación colabora cunha nova homenaxe á figura de Miro Casabella cun concerto na súa terra natal

rIMG_0998O Valadouro, 27 de xuño de 2014.- O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, participou, esta tarde, na presentación do programa da Homenaxe a Miro Casabella que terá lugar o primeiro sábado do mes de xullo na súa vila natal. Un acto organizado por varios colectivos culturais da comarca, nomeadamente Amado Lar, Liga Céltica Galaica e O Mundo de Galea, de O Valadouro; Aventados, de San Cibrao; Buril, de Burela; Casa Hamlet, de A Coruña; Francisco Lanza, de Ribadeo, Irmandade San Caetano, de Celeiro de Mariñaos; Mariñapatrimonio, Ollomao, de Barreiros; Os Castros, de Cangas; e Pensamento e Sementeira, de Viveiro; en colaboración coa área de Cultura da Deputación de Lugo e a Concellería de Cultura de O Valadouro.

Este pretende ser un acto de recoñecemento ao cantante Miro Casabella en Ferreira do Valadouro, que estivo precedido por varias actividades encamiñadas a homenaxear a súa figura que se foron desenvolvendo por disintas localidades da comarca da Mariña dende o pasado mes de abril.

Durante a presentación, Antonio Veiga fixo ficnapé en que “con esta homenaxe a Miro Casabella estamos pondo en valor o labor de recuperación democrática e de pensamento galeguista e nacionalista ao que contribuíron figuras da canción galega na época do tardo franquismo e a chamada transición”.

Neste sentido, o vicepresidente da Deputación lembrou “a figura de Miro Casabella de cando formou parte do conxunto de cantautores galegos Voces Ceibes, un grupo de canción protesta que xurdiu nos anos setenta, concretamente nesa etapa coñecida como transición, un proceso, que, corenta anos despois, cando podíamos pensar que non tiña cabida, volveu a repetirse”.

A homenaxe a Miro Casabella no Valadouro, que se celebrará o vindeiro sábado 5 de xullo, comezará xa pola mañá, coa colocación dunha peza cerámica na casa natal do homenaxeado, amenizada polo grupo de música tradicional Amado Lar, e na que coparecerán representantes do Concello e da Vicepresidencia da Deputación, seguida dun xantar popular no parque da localidade, no que invervirán varios persoeiros da cultura e das letras, como Vicente Araguas, Lois Diéguez, Manuel Lourenzo, Arturo Mogo ou David Otero. A área de Cultura da Deputación de Lugo agasallará aos participantes co libro-CD “Miro Casabella e a nova canción galega”, de Xan Fraga.

O acto continuará pola tarde cun concerto baixo o lema “Por ceibar a voz” na Praza de Ferreira, no que actuarán artistas da talla de A Quenlla, Arcadio, Bieito Romero, de Luar na Lubre, David Bellas, García e Leo, Quintas Canella, Tino Baz, e Pilocha.

Exit mobile version