Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación de comerciantes de Burela presenta a terceira Festa Castrexa de Burela

3FCASTREXAA Asociación de Comerciantes e Empresarios de Burela presenta este mediodía a terceira edición da FESTA CASTREXA de Burela nun acto que terá lugar ás 14.30h na zona do cabo Burela onde en tempos pasados se ubicou un asentamento castrexo.

Neste acto, encabezado polo presidente de ACIA Burela, Pedro Fraga, e o Alcalde de Burela, José González Barcia, tamén asistirán os principais patrocinadores do evento e adiantaranse algunhas das novidades e actividades desta nova edición.

As principais novidades que presenta a festa este ano son a ampliación de un a tres días de festa, entre o 4 e o 6 de xullo, a celebración na noite do venres dun desfile nocturno de clans e dunha multitudinaria cerimonia de vodas castrexas, así como a potenciación do mercado castrexo, ubicado en diferentes prazas da vila.

O resto de actividades manterá a liña dos anos anteriores, co protagonismo da gastronomía con menús e tapas castrexas nos locais de hostalería, xogos infantís, premios á mellor caracterización de clans e locais, sorteo de 1000 euros en vales de compra e os coñecidos xogos que acollen en cada edición a centos de participantes: a Guerra de Clans (premio 500€ en metálico e o peso do Xefe do Clan en cervexa) e a Busca do Torques de Ouro (premio 1000€).

A 3ª Festa Castrexa celebrarase en Burela entre o 4 e o 6 de xullo, durante os que as rúas e prazas da vila revivirán o seu pasado castrexo. O prazo de inscrición para participar nas actividades remata o 25 de xuño. ACIA Burela ofrece máis información na tenda de Decoraciones Pura de Burela e a través da páxina en facebook da Festa Castrexa www.facebook.com/FestaCastrexaBurela.

Exit mobile version