Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación de veciños do Burgo de Trasbar ultima detalles para o San Xoán

Trasbar, 19 de xuño de 2014.- A Asociación de veciños do Burgo de Trasbar xa ten todo preparado para o San Xoán.

Trasbar organiza este ano, por cuarto ano consecutivo, a celebración do San Xoán para o vindeiro sábado, día 21 de xuño. O programa de actos é amplo. A partir das 19.30 h, terá lugar unha obra de teatro do grupo “Érase unha vez…” de Mondoñedo, coa obra “Mercados revoltos”, na explanada fronte ao local social. Esta obra está dentro da programación Buxiganga da Deputación provincial de Lugo.

Ao remate da obra, terán unha pancetada/chourizada. Ao igual que todas as actividades que organizan, esta actividade é aberta a todos os públicos, para iso acordaron prezos diferentes. Nesta ocasión, os prezos para socios son panceta 2€ e chourizo 1,50 € e para os non socios 3 € polo bocadillo de panceta e 2,50 € polo de chourizo.

Outro dos actos será o salto da fogueira. Xuntaron entre todos o preciso para ter unha morea “xeitosa” de material, sobre a que poñerán un boneco, e á que prenderán lume ao inicio da festa, para que vaia ardendo e, xa de madrugada, que estea lista para saltala.

“A mellor maneira de purificarnos, ademais do lume, é con unha boa queimada, que faremos para que todos os asistentes, de maneira gratuíta, a proben”, din desde a asociación.

Agardan que esta actividade teña tan boa acollida coma todas as que facen. Agradecen de antemán a colaboración das persoas que sempre están aí, animándoos en cada iniciativa que teñen.

Exit mobile version