Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG acusa ao PP de “vetar no Parlamento a ILP polo emprego”

O Partido Popular rexeitou, no pleno do Parlamento celebrado este martes, que se articulen medidas alternativas para promover o crecemento económico e a creación de emprego en Galiza ao votar en contra da ILP impulsada pola CIG. Fronte a isto, BNG, AGE, PSOE e grupo mixto manifestaron o seu apoio, non só pola forma en que foi tramitada a proposta –como Iniciativa Lexislativa Popular- senón tamén polo seu contido. Malia o resultado, que xa estaba previsto, cúmprese así un dos principais obxectivos da CIG, abrir un debate arredor do problema do emprego e das alternativas ás políticas económicas que os gobernos veñen aplicando.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, foi o encargado de presentar os contidos da ILP e as razóns polas que a central sindical decidiu impulsala. Lembrou que a Iniciativa Lexislativa Popular chegaba á cámara co respaldo de máis de 31.000 sinaturas recollidas no decurso dunha campaña máis ampla iniciada hai un ano, centrada na problemática global do emprego en Galiza, durante a que se celebraron numerosas asembleas con delegados/as, desenvolvéronse marchas polo emprego en todas as comarcas e para a que se promoveron mocións en numerosos concellos, dos que a día de hoxe está confirmado que foi apoiada en 34.

Sinalou que foron catro grandes razóns as que levaron ao sindicato nacionalista a promover esta campaña e esta ILP. A primeira relacionada co grave problema económico e social que representa a falta de emprego e, polo tanto, o desemprego no noso país. “Estamos a falar de cifras históricas de desemprego: preto de 300.000 desempregados/as, segundo datos da EPA do primeiro trimestre”.

Unha cifra detrás da que denunciou que se agochan “auténticos dramas humanos: perda de vivenda familiar, fame, pobreza e exclusión social” e que leva aparellado un problema que “non é novo na sociedade galega, pero non por iso menos importante: a emigración, todos os anos, de miles de mozos e mozas”.

Xunto a isto salientou que detrás da falta de emprego dáse tamén outro feito que considerou “moi funcional” ao sistema e que vén provocado polas actuais circunstancias, “o debilitamento da clase traballadora e, polo tanto, da súa capacidade reivindicativa o que vai en claro prexuízo dos seus dereitos e das súas condicións de traballo”.

Como segunda razón para promover esta Iniciativa sinalou o “firme convencemento” de que as medidas que están a promover o Goberno español ou a Xunta de Galiza, supostamente para crear emprego, están a provocar o efecto contrario”.

Apuntou como terceira das razóns “a necesidade de transmitirlle á sociedade galega que hai alternativas, que non é certo que as únicas políticas posíbeis son as que se están a facer promovidas polos gobernos e pola UE”. Alternativas que “pasan por facer políticas en función dos intereses da maioría social, que son as clases populares, e non en función dos intereses dos especuladores, dos banqueiros e das grandes empresas que é para quen están a gobernar”, afirmou.

A modo de exemplo e para dar a coñecer algunhas desas políticas alternativas sinalou algunhas das propostas da ILP en materia de política industrial, financeira, fiscal, I+D, infraestruturas, laboral ou de servizos públicos, facendo especial fincapé na necesidade de que se incremente o investimento público; de que se creen empresas de capital público en sectores estratéxicos da nosa economía; de dar un especial apoio ao sector primario, “moi castigado en moitos casos na súa capacidade produtiva como consecuencia das políticas do goberno español ou da UE” e do que dixo que ten enormes potencialidades para ser “un dos principais motores do noso desenvolvemento e da nosa recuperación económica, xunto co sector naval, o da conserva, o da automoción, o cultural ou o das novas tecnoloxías”.

A estas engadiu a necesidade de facer unha política fiscal realmente progresiva, “para que paguen máis os que máis teñen e na que as rendas do capital coticen como as rendas do traballo, perseguindo a enorme fraude fiscal que existe, especialmente a que cometen as grandes fortunas, a banca e as grandes empresas”; a creación dunha Banca Pública Galega que sirva de apoio ao noso tecido produtivo de pequenas e medianas empresas e as familias; políticas reais de reparto do traballo centradas na redución da xornada ás 35 horas e unha política de rendas que garanta uns salarios dignos.

Fronte a isto, denunciou que se foi na liña contraria, provocado unha caída xeneralizada dos salarios e, en consecuencia, unha caída do consumo interno que é o que está a provocar, entre outras causas, a masiva destrución de emprego.

Como cuarta e última razón, o secretario xeral da CIG apuntou a necesidade de que a sociedade galega tome conciencia de que “este modelo de capitalismo neoliberal en crise é preciso mudalo por un novo modelo económico e social máis xusto, solidario, democrático” que garanta unha distribución máis igualitaria da riqueza e que sexa garante tamén, para toda a poboación, de dereitos fundamentais como o ensino, a saúde, o traballo, a vivenda, a folga, a negociación colectiva ou o dereito a decidir.

A este respecto, e no caso específico de Galiza, considerou que “esa nova sociedade non é posíbel construíla se non temos plena soberanía política para pór en marcha os mecanismos que nos permitan rachar co papel que a oligarquía española e o capital financeiro europeo lle teñen asignado á nosa nación como subministradora de enerxía, man de obra barata, materias primas e aforro”.

O PP fica só na cámara
Rematada a súa defensa da ILP comezaron a intervir os grupos parlamentarios que foron manifestando, un tras outro, o seu respaldo, tanto como un apoio á democracia como ao propio contido da Iniciativa. Todos agás o PP que a través do deputado Pedro Arias anunciou que non a apoiaría por considerar que na ILP “non existe diagnóstico” e que, ao non se analizar as causas históricas da actual crise económica, “non se poden atopar as saídas”.

Ante isto e na súa quenda de réplica, o secretario xeral da CIG agradeceu aos grupos da oposición o seu apoio. Porén, respecto da intervención do deputado do PP, Pedro Arias, considerou “sorprendente” que non comprendera que unha Iniciativa Lexislativa Popular “non é unha tese doutoral” e pediulle que especificara a que período histórico se refería se “a cando el era militante do partido comunista que foi cando o coñecín eu, ou se é máis adiante”.

En calquera caso, e para demostrar a necesidade desta ILP aportou unha serie de datos que “poñen en evidencia o fracaso das súas políticas”. Así lembrou que 300.000 galegos/as están no desemprego, dos cales só o 53% cobran algún tipo de prestación; que 101.000 familias teñen a todos os seus membros en paro; que o desemprego dos menores de 25 anos acada o 55%; que 470.000 galegos/as viven por debaixo do umbral da pobreza; que a pobreza infantil supera o 22%; que a exclusión social sitúase no 23%; que se contan por miles os galegos e galegas que perderon a súa vivenda, que non poden pagar a luz, a auga ou o gas; ou que teñen que recorrer a bancos de alimentos para poder subsistir e que miles de mozos/as emigran todos os anos para producir noutras partes do mundo.

Denunciou que estamos a perder centos de investigadores nun momento no que a investigación e o I+D é fundamental para o noso desenvolvemento económico e que os/as traballadores/as autónomos/as e as pequenas empresas teñen serias dificultades para acceder ao crédito “e cando o fan é pagando o dobre de xuros que as grandes empresas”. Xunto a isto denunciou tamén a destrución dunha parte importante da nosa base produtiva.

O secretario xeral da CIG subliñou que “esta é a verdadeira realidade do noso país” e denunciou que fronte a isto o presidente da Xunta “pretende manipulala e ocultala”. Asegurou que “é difícil de entender e difícil de explicar” que o PP, como forza maioritaria na cámara non fora quen de presentar até o de agora un “Plan de Choque, un Plan Estratéxico onde se contemplen medidas para aqueles sectores da sociedade que están a sufrir de forma máis directa a crise económica” ou mesmo para clarificar “en que sectores económicos e baixo que modelo produtivo” vai promover a Xunta de Galiza o desenvolvemento e a recuperación económica de Galiza

Alertou de que co actual modelo de UE que se está a construír” enormemente centralizada” cun poder cada vez máis concentrado, Galiza vai xogar un papel “máis periférico e máis marxinal”.

Denunciou que ante esta realidade as propostas da Xunta de Galiza para combater o desemprego limítanse a vender a imaxe dun Presidente da Xunta como “intrépido axente comercial polo mundo adiante e a cargo dos fondos públicos” ou a recorrer a políticas que “está de sobras demostrado que non cumpren a súa función”.

Incidiu en que dedicarse a subvencionar unha vez máis a contratación a única finalidade que cumpre “é proporcionarlle man de obra barata á patronal”, facilitando mesmo a competencia desleal entre as empresas e asegurou que hai quen di que esta falta de propostas obedece a un problema de incompetencia. “Nós dicimos que si, que evidentemente hai un problema de incompetencia, pero hai outro que ten moito que ver co tipo de intereses de clase que se defenden. É evidente que o PP, os seus amigos e aqueles intereses de clase que defenden non están a sufrir esas calamidades”.

Ante isto Seixo concluíu que se o PP non presenta un Plan Estratéxico para os diferentes sectores económicos é porque xa llo dan os que se benefician das súas políticas, entre os que sinalou aos donos da sanidade privada, do ensino concertado, os banqueiros, os especuladores, os grandes empresarios ou os que acceden ás obras públicas. “Eses son os que realmente defende o PP”, dixo.

O secretario xeral da CIG rematou a súa intervención asegurando que á marxe do resultado da votación, que finalmente foi de 40 votos en contra e 33 a favor da toma en consideración da ILP, a CIG seguirá traballando na procura das condicións políticas, económicas e laborais “para que neste país os galegos e galegas poidamos traballar dignamente na nosa terra”.

Exit mobile version