Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG denuncia “boicot da prensa á ILP polo emprego”

A maioría dos medios obviaron informar sobre o debate parlamentar da Iniciativa Lexislativa Popular polo emprego impulsada pola CIG. Era de agardar que o Partido Popular non se interesase pola Iniciativa Lexislativa Popular que a CIG defendeu no día de onte diante do Pleno do Parlamento galego, ao se tratar dun conxunto de medidas para o crecemento económico e a creación de emprego en Galiza alternativas ás políticas e neoliberais de recortes e empobrecemento da maioría social aplicadas como receita á crise e contrarias ao discurso uniforme que emana de institucións tan pouco democráticas como o FMI ou o BCE.

Non se debería entender, porén, a ocultación que a ILP da CIG recibiu por parte dos grandes medios comunicación privados: nin polo seu interese social nin pola súa extraordinariedade dentro da propia orde do día do Pleno do Parlamento. Aínda así, ningún dos dous xornais de máis tirada de Galiza, como La Voz de Galiza ou o Faro de Vigo, se fixeron eco desta noticia nas súas páxinas, nin sequera a través dunha breve reseña coa que “cubrir o expediente”.

De máis está lembrar que ambas empresas son de sobra coñecidas pola súa marcada liña editorial antisindical, e nomeadamente contraria as organizacións e movementos de corte nacionalista.

Tampouco para El País, os xornais da Editorial La Capital (Diario de Ferrol e El Ideal Gallego) ou La Región o debate das medidas propostas pola CIG mereceu un espazo entre as súas páxinas.

Estes medios, no mellor dos casos, a ILP só lle dedicaron un breve espazo nas súas edicións dixitais. Neste marco é de salientar a información publicada no dixital de La Región, pola súa amplitude.

A respecto de El Progreso de Lugo Diario e o Diario de Pontevedra (do mesmo grupo), recóllese unha pequena información –tomada de axencias- nas páxinas de Economía, e curiosamente asinada en Madrid. El Correo Gallego solventa a cuestión dedicándolle seis liñas no marco dun despece da información principal; o mesmo espazo que dá para explicar por que o PP rexeitou a toma en consideración da ILP.

Suso Seixo “promotor da ILP”
Mención aparte merece a información aparecida no Telexornal Mediodía da TVG, xa que segundo a canle pública, non foi a CIG, como organización obreira que conta cunha base social de 75.000 afiliados/as, que representa a miles de traballadores e traballadoras galegas, e que desenvolve unha acción sindical cunha liña firme, non pactista e coherente, quen promoveu a ILP.

Non, para a espectadora e o espectador que non escoitase a introdución da presentadora do informativo, o único promotor da iniciativa foi Xesús Seixo, cidadán galego, que, atendendo ao estritamente referenciado na peza, nin sequera acudiu ao Parlamento en calidade de Secretario Xeral da CIG.

Alén de facer unha pescuda miúda polos informativos de radio e a prensa dixital, que por norma xeral soen ser máis diversos no seu contido informativo, a práctica ausencia de noticias sobre o debate da ILP da CIG reflicte o carácter pouco democrático do estado no que vivimos e a vulneración sistemática do dereito a recibir unha información veraz e plural. Unha situación agudizada dende o estoupido da crise financeira e a conseguinte aceleración da ofensiva neoliberal contra as clases populares.

Esta realidade choca frontalmente contra a vestidura de independencia, obxectividade e profesionalidade coa que estes grandes grupos de comunicación se presentan a si propios, cando en realidade atenden a uns intereses económicos moi concretos e directamente relacionados coas entidades bancarias que os financian (senón propietarios) e o monto de subvencións públicas coas que os gobernos de quenda modulan as liñas editoriais.

Nin que dicir da dependencia dos medios públicos galegos.

Se algunha lección hai que tirar desta censura é que a CIG segue a ser unha organización que o sistema considera perigosa para os seus intereses e, polo tanto, á que hai que atacar.

Exit mobile version